Inicio Galicia Medio Rural investiu nos dous últimos anos 192.000 euros nos arranxo de...

Medio Rural investiu nos dous últimos anos 192.000 euros nos arranxo de camiños municipais en Viveiro

0

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, comprobou hoxe os traballos realizados na pista de Alboi

A Consellería do Medio Rural investiu 192.600 euros nos dous últimos anos no arranxo de oito pistas e camiños municipais de Viveiro. O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou hoxe en Area que se trata de actuacións promovidas polo concello e financiadas pola Xunta ao abeiro do Plan de mellora de camiños de Medio Rural.

O delegado visitou alí unha das actuacións xa executadas, a reforma da pista de Alboi, que arranca nesa zona da parroquia de San Julián de Faro e comprende algo máis dun quilómetro de lonxitude. A intervención contou cun orzamento de 66.200 euros e consistiu no perfilado das cunetas, barrido de superficie e reposición do firme mediante aglomerado en quente.

O delegado territorial comprobou o resultado da obra acompañado pola alcaldesa, María Loureiro, entre outros. Na estrada queda un pequeno treito por executar, pero o concello comprometeuse a completar os trámites precisos co Goberno do Estado para rematar a obra canto antes.

Balseiro destacou que, en conxunto, as actuacións sufragadas pola consellería nos oito camiños supuxeron o acondicionamento de 3,8 quilómetros de vías, “mellorando as condicións de circulación para os veciños e veciñas, tanto con vehículos como con maquinaria agrícola”.

Neste sentido, apuntou que a Xunta tamén sufragou o arranxo da pista da igrexa en Freixido -na parroquia de San Pedro de Viveiro-, con 900 metros de lonxitude, e a que conecta Cabanas e Abuín -en San Andrés de Boimente-, de 735 metros.

Así mesmo, detallou que actualmente están en execución os proxectos para o arranxo doutras cinco pistas na parroquia de Santa María de Magazos: A pista de Coto, o camiño de Castelo, o de Real Villamarcol, o camiño da Cruz e o de San Roque. Suman unha lonxitude de 1,1 quilómetros e as actuacións a desenvolver inclúen tamén melloras nas cunetas e reposición do firme con aglomerado en quente.

O Plan de mellora de camiños de Medio Rural está orientado á ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais de Galicia. Respecto ao reparto de fondos, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) acordou no seu momento coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) os criterios de distribución, cunha base fixa de 15.000 euros por localidade, que pode ir aumentando en base a conceptos como número de habitantes, a superficie, o peso do agro, así como o grao de envellecemento ou despoboamento. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre