Inicio Galicia Medio Rural investirá 4,3 millóns de euros para seguir avanzando na modernización...

Medio Rural investirá 4,3 millóns de euros para seguir avanzando na modernización dos regadíos da Limia

0

Estanse redactando os proxectos de obra e completándose os trámites medioambientais necesarios, para iniciar canto antes as actuacións

O Conselleiro do Medio Rural, José González, visitou hoxe a comarca ourensá da Limia e alí aproveitou para anunciar que o seu departamento investirá este ano 4,3 millóns de euros na modernización dos regadíos da zona. O titular deste departamento explicou que actualmente estase en fase de redacción dos proxectos de obra e de trámites medioambientais, co obxectivo de contratar as actuacións e inicialas canto antes.

José González sinalou ademais que “en breve está previsto convocar unha nova reunión do Comité de Seguimento dos Regadíos” co obxectivo de informar dos seguintes paseos a seguir. Estas obras, que está previsto iniciar este ano, terán unha importante repercusión sobre os cultivos da zona, especialmente da pataca, un produto que, en palabras do conselleiro, “nos identifica como galegos” e que nesta zona está amparada pola Indicación Xeográfica Protexida.

Ademais, o conselleiro anunciou a creación dun grupo de traballo específico cos agricultores e gandeiros da Limia que se reunirá antes de que acabe o mes de marzo para abordar as súas demandas e tratar de darlles solución.

O titular de Medio Rural fixo estas declaracións acompañado polo director de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e durante a súa visita ao Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro deste concello, pertencente ao Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde). Este instituto, en consonancia coa consellería, busca fomentar as actividades forestais e agrogandeiras de Ourense, algo básico nunha provincia cun peso tan relevante neste sector. De feito, o conselleiro cualificou a comarca da Limia como “a despensa de Galicia”, polo importante peso que ten sobre o ámbito agrícola galego, especialmente no que atinxe a cultivos como o cereal ou a pataca.

Nesta liña, o conselleiro destacou a aposta da Xunta pola mellora das infraestruturas, cun esforzo especial nunha comarca de clara vocación agrícola e sempre en colaboración con outras administracións. De feito, este foi un dos temas a tratar no seu encontro coa corporación municipal.

Ademais, José González sinalou que nesta modernización e no aumento da calidade de vida dos veciños do rural, unha peza clave son os grupos de desenvolvemento rural (GDR). Neste sentido, concretou que no caso do GDR da Limia-Arnoia, na convocatoria de 2018-2019 apoiáronse un total de 17 proxectos, cunha axuda que supera os 770.000 euros. A súa posta en marcha suporá un investimento inducido de máis de 1,5 millóns de euros na comarca.

A maiores, o conselleiro lembrou que no conxunto de Galicia a Xunta destina máis de 16,5 millóns de euros no período 2019-2020 ás axudas do plan Leader para dinamizar o agro galego a través dos 24 GDR.

Xa pola tarde, o conselleiro do Medio Rural ten previsto achegarse tamén ás instalacións da empresa Hortícolas Galegas e á cooperativa láctea Antelana, ambas en Xinzo de Limia. A primeira dedícase á comercialización de froitas e verduras e a segunda centra a súa actividade na produción de leite. Deste xeito, José González completará os seus contactos cos axentes sectoriais do agro neste comarca limiá.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre