Inicio Galicia Medio Rural especifica as competencias de concellos e Xunta ao respecto da...

Medio Rural especifica as competencias de concellos e Xunta ao respecto da xestión da biomasa vexetal e retirada de árbores ilegais

0

O DOG publica hoxe unha instrución pola que se aclaran as actuacións que deberá levar a cabo cada administración en caso de incumprimento da normativa en vigor

Co fin de facilitar a aplicación das novas normas establecidas nas leis de montes e de prevención de incendios forestais, a Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia unha instrución na que se establecen as competencias de cada administración, así como dos particulares, en materia de xestión da biomasa vexetal e na retirada de árbores ilegais. Estas indicacións son de aplicación en caso de incumprimento da normativa vixente e teñen por obxectivo axilizar as devanditas actuacións correctoras, clarificando o procedemento a seguir e precisando as facultades de que dispón a administración competente en cada suposto.

Así, corresponde aos concellos a competencia de vixiar e impoñer o cumprimento forzoso da obriga de xestión da biomasa vexetal e de retirada de árbores, de ser o caso, no ámbito das redes de faixas secundarias de xestión nunha franxa de 50 metros dende as os núcleos de poboación en xeral e calquera vivenda illada ou edificación, así como depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais situados a menos de 400 metros do monte. Do mesmo xeito, tamén son competentes na faixa perimetral de 50 metros arredor das novas instalacións destinadas a explotacións agrícolas, gandeiras e forestais e as vivendas vinculadas a estas, así como as novas urbanizacións e edificacións que afecten zonas de monte ou de influencia forestal que non teñan continuidade inmediata coa trama urbana e que sexan estremeiras con monte ou con zonas de influencia forestal. Pola contra, en todos o resto de casos é a Administración autonómica quen debe facer cumprir as obrigas sinaladas.

No que se refire ás sancións, as competencias entre Xunta e concellos para incoar, instruír e resolver os procedementos repártanse do mesmo xeito. Non sucede o mesmo á hora de realizar unha execución forzosa. Nos supostos de incumprimento en solo rústico das obrigas de xestión da biomasa vexetal e de retirada de especies arbóreas nas redes de faixas secundarias e arredor das novas instalacións, urbanizacións e edificacións, a competencia sobre a execución forzosa corresponde aos concellos e a sancionadora á Administración autonómica. Así, como establece o principio de colaboración e cooperación, os gobernos locais porán en coñecemento da correspondente xefatura territorial da Consellería do Medio Rural todas as comunicacións destes supostos.

Quince días para o cumprimento voluntarioA instrución establece tamén como se identificará e localizarán aos responsables de cumprir as obrigas da xestión da biomasa. O propietario terá 15 días (a computar dende o día seguinte á recepción da notificación ou da publicación do requirimento) para cumprir coas limpezas nas faixas de xestión da biomasa, salvo no caso das franxas laterais das vías de comunicación no que o prazo se alonga ata tres meses. Nos incumprimentos noutros terreos será o órgano que actúe o que determine o período máximo de actuación.

Pasados estes prazos procederase á execución subsidiaria sen necesidade de facer máis trámites e a iniciar o correspondente proceso sancionador. Ademais, cada xefatura territorial manterá unha contabilización das parcelas en que os custos dos traballos de execución subsidiaria non puideron ser repercutidos ás persoas responsables por descoñecerse a súa identidade e da contía daqueles. Deste xeito, unha vez que a contía acumulada supere o valor catastral da parcela, poderase iniciar o procedemento para que a administración asuma a propiedade da mesma, sempre que esta sexa de titular descoñecido.

Supostos especiaisA instrución establece ademais supostos especiais, como o do mantemento das distancias mínimas respecto ás vías de comunicación. Neste caso, a comunicación formularanse de maneira conxunta para todas as persoas responsables do tramo de vía afectada mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia e o prazo máximo para o cumprimento voluntario será de tres meses.

Doutra banda, naquelas parcelas declaradas como zonas de actuación prioritaria e urxente procederase á execución subsidiaria sen necesidade de notificación previa ás persoas responsables.(Enlace á publicación no DOG:https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180507/AnuncioG0426-300418-0001_gl.pdf) 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre