Inicio Galicia Medio Rural entregou máis de 130 alfombras e uns 250 sprays desinfectantes...

Medio Rural entregou máis de 130 alfombras e uns 250 sprays desinfectantes en distintos centros asistenciais galegos para mellorar a súa protección fronte ao coronavirus

0

A vindeira semana continuará a repartición de esteiras e pulverizadores, así como as desinfeccións dos felpudos xa entregados


A Consellería do Medio Rural fixo entrega de 132 alfombras a outras tantas residencias de maiores e de discapacitados en concellos de menos de 5.000 habitantes de toda Galicia para facilitar a desinfección dos pés nas entradas destas instalacións. Así mesmo, subministroulles un total de 256 sprays desinfectantes para mellorar a súa protección fronte ao coronavirus.

Este labor estano levando a cabo os bombeiros forestais e axentes ambientais do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (Spdcif) de Galicia, que suman case tres semanas de desinfeccións nos exteriores das residencias e centros de saúde, así como noutras zonas especialmente sensibles, como as beirarrúas e as áreas destinadas á recollida do lixo.

Así, este persoal é o encargado de facer entrega das devanditas alfombras e sprays desinfectantes segundo vai percorrendo as diferentes residencias. Deste xeito, a vindeira semana non só continuarán coas reparticións senón que procederán a tratar de novo as esteiras e a renovar os pulverizadores xa entregados, a medida que acudan a repetir as desinfeccións.

Está previsto que o persoal do Spdcif percorra uns 200 municipios galegos durante esta situación de emerxencia sanitaria. Os efectivos contan para estas tarefas coa debida formación e con todo o material de protección necesario, así como cos protocolos de actuación pertinentes, seguindo en todo momento as recomendacións sanitarias. Tamén dispoñen da maquinaria e os produtos precisos para efectuar as desinfeccións. Ademais de desinfectar, están a establecer contacto cos profesionais das residencias para reforzar os seus protocolos de prevención.

Os profesionais que participan na iniciativa fano de xeito totalmente voluntario durante as súas quendas de traballo, permanecendo garantida en todo momento a súa función principal e primordial, que é a de prevención e extinción dos incendios forestais que se poidan rexistrar.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre