Inicio Galicia Medio Rural e o concello de Muíños estudan a posibilidade de crear...

Medio Rural e o concello de Muíños estudan a posibilidade de crear unha aldea modelo neste municipio ourensán

0

O conselleiro recibiu ao alcalde para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos seus veciños en relación co agro


O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde do concello de Muíños Plácido Álvarez, para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste municipio ourensán relacionadas co agro. Na reunión tamén estiveron presentes o director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois.

Entre os temas tratados, ambos dirixentes analizaron a posibilidade de crear unha aldea modelo neste termo municipal e así poñer de exemplo de prevención e de desenvolvemento económico a un núcleo deste concello. Así o conselleiro sinalou que esta iniciativa ten como principal obxectivo defender as persoas e os bens dos incendios forestais mediante diversas actuacións enfocadas á posta en marcha de actividade agrogandeira na franxa dos 50 metros próxima ás vivendas. Neste caso apostaríase por orientar eses terreos a producións de cereais en ecolóxico.

Neste senso, o alcalde mostrouse moi interesado e comprometeuse a analizar a situación actual das súas aldeas para atopar unha posible candidata. Pola súa banda, o titular de Medio Rural agradeceu a súa disposición para traballar todos xuntos na protección do rural e incidiu en que, a través desta figura, ademais de executar a limpeza das chamadas franxas secundarias é determinante poñelas a producir para que actúen como devasa natural fronte aos lumes forestais.

Noutra orde de cousas, o rexedor municipal tamén solicitou información sobre o Plan de recuperación dos soutos tradicionais de Galicia, que vai levar a cabo a Consellería. Así, José González explicoulle que nunha primeira fase procederase a identificar e caracterizar os soutos tradicionais existentes en Galicia para logo, nunha segunda parte, analizar a viabilidade de xestión das zonas produtivas destes soutos e as posibilidades de transformación e comercialización do produto. Finalmente, e xa nunha terceira fase, trasladou o conselleiro, abordarase a implantación dun modelo de aproveitamento deses soutos, coa finalidade última de que sexa un elemento dinamizador do territorio rural, compatible coas novas plantacións de castiñeiros que se están a impulsar. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre