Inicio Galicia Medio Rural e o Concello da Laracha estudan a posibilidade de crear...

Medio Rural e o Concello da Laracha estudan a posibilidade de crear unha aldea modelo neste municipio coruñés

0

O conselleiro escoitou as demandas e necesidades dos veciños deste concello relacionadas co agro


O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse esta mañá co alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste concello coruñés relacionadas co agro.

Así, entre os temas tratados, destacou a posibilidade de crear unha aldea modelo neste municipio, para que sexa unha iniciativa pioneira e así máis núcleos se animen a converterse nesa figura. Neste senso, o conselleiro sinalou que o proxecto de “aldea modelo” ten como principal obxectivo defender as persoas e os bens da ameaza dos incendios forestais mediante diversas actuacións enfocadas á posta en marcha de actividade agrogandeira na franxa dos 50 metros próxima ás vivendas.

Neste senso, o rexedor municipal comprometeuse a analizar a situación actual dos núcleos e presentar unha candidatura nos vindeiros días. O titular de Medio Rural agradeceu a súa disposición para traballar todos xuntos na protección das aldeas e incidiu en que, a través desta figura, ademais de executar a limpeza das chamadas franxas secundarias é determinante poñelas a producir para que actúen como devasa natural fronte aos lumes forestais.

Precisamente entre as posibles actividades a desenvolver nestas franxas estarían os cultivos de horta, unha actividade crecente neste municipio, xunto con outras alternativas como poden ser a produción de cereal, pastos, froiteiras, castiñeiros, oliveiras, etc.

Noutra orde de cousas, na xuntanza tamén se avaliou a posibilidade de arranxar diversas infraestruturas rurais, entre as que destacarían varios camiños e pistas forestais. Así, tanto o conselleiro como o alcalde cren que é fundamental a colaboración entre administracións para que o rural sexa un lugar idóneo para vivir nel e dadas as súas múltiples posibilidades.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre