Inicio Galicia Medio Rural destinará máis de 1,7 millóns de euros na rede de...

Medio Rural destinará máis de 1,7 millóns de euros na rede de camiños da reestruturación parcelaria de Gonzar II, no Pino

0

A este investimento hai que sumarlle un total de 250.000 euros, que se levan investido neste proceso e que, a día de hoxe, está en fase de bases definitivas


O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, acompañado do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, mantivo esta mañá unha xuntanza informativa cos veciños beneficiados polo proceso de reestruturación parcelaria de Gonzar II, no concello coruñés do Pino.

Alí, o director xeral trasladoulles que para a execución da rede de camiños principais hai un investimento de 1,7 millóns de euros, que inclúe tamén o proxecto de trazado dos mesmos. Un investimento, reiterou, que se suma aos máis de 250.000 euros xa investidos na zona, que actualmente se atopa en fase de bases definitivas.

Ademais, Pérez Dubois salientou que, unha vez aprobada a Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, se poderán levar a cabo novos proxectos de revalorización de predios co fin de sacarlle rendibilidade a esta zona forestal, a cal abrangue unha superficie total de 854 hectáreas, propiedade de 532 veciños.

Finalmente, o director xeral indicou que para este ano 2020 están presupostados máis de 20 millóns de euros para pechar administrativamente os 104 procesos de reestruturación parcelaria que, a día de hoxe, permanecen abertos en Galicia. Neste senso, reiterou o compromiso da Consellería do Medio Rural coas reestruturacións parcelarias como instrumentos de dinamización do agro galego. Tamén salientou que, se sumamos esta cantidade presupostaria fixada para o vindeiro ano ao xa investido ao longo desta lexislatura, o investimento total supera os 100 millóns de euros para reorganizar o territorio do rural galego.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre