Inicio Galicia Medio Rural destina 35.000 euros a través dun proxecto senlleiro para pavimentar...

Medio Rural destina 35.000 euros a través dun proxecto senlleiro para pavimentar e dotar de mobiliario o recinto feiral de Herbón

0

Esta iniciativa permitiu acondicionar o recinto co fin de orientalo á promoción da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Pemento de Herbón


O director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, supervisou esta mañá no concello de Padrón xunto co alcalde, Antonio Fernández, os traballos de pavimentación e dotación de mobiliario no recinto feiral de Herbón, no marco dun proxecto senlleiro que contou cunha achega económica de 35.000 euros.

Esta iniciativa permitiu acondicionar o recinto co fin de orientalo á posta en valor da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Pemento de Herbón, aproveitando así o contorno natural para crear un punto de venta e promoción deste produto de calidade. Cómpre sinalar que este recinto conta cun edificio pechado para recepción, con gradas e unha zona de escenario pensado para desenvolver accións promocionais do produto. Hai dous edificios rústicos reservados para eventos de hostaleira orientados á degustación do produto e casetas de madeira para venta do mesmo, e zonas que se poden destinar a plantacións demostrativas.

O director destacou a importancia deste tipo de proxectos que permiten dinamizar o rural galego, á vez que se defenden e promocionan os valores culturais de Galicia. Así, actúase no fomento e promoción da cultura e na protección, conservación e difusión do noso patrimonio. Neste caso concreto, o acondicionamento deste local permite convertelo nun lugar de visita obrigada de produtores de comercio en canal curto e de potenciais compradores da DOP Pemento de Herbón.

Liña de apoioA Consellería do Medio Rural destina este ano case un millón de euros a esta liña de apoio ao desenvolvemento rural, que se centra no impulso a proxectos senlleiros. Deste xeito, mantense o compromiso orzamentario con respecto aos últimos anos, co fin de seguir impulsando inciativas que permitan poñer en valor o agro galego.

Así, o pasado ano apoiáronse un total de 16 iniciativas en diferentes puntos de Galicia. Algúns dos proxectos financiados foron o acondicionamento do local social de Poulo (Ordes), a rehabilitación dun “pendello” nun mercado tradicional (Agolada) ou a mellora do centro hípico do mercado de gando de Guimarei (A Estrada), entre outros.

Xa no ano 2017, executáronse un total de 14 proxectos senlleiros, entre os que salientan o acondicionamento do antigo matadoiro para secado de xamóns na Cañiza ou a adquisición de material bibliográfico da curta cinematográfica Mouras, en Folgoso do Courel. No eido do patrimonio tamén se traballou na recuperación dun muíño do século XIX no Bolo ou a humanización da igrexa de Torres en Vilarmaior.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre