Inicio Galicia Medio Rural destina 300.000 euros ás axudas para fomentar accións de demostración...

Medio Rural destina 300.000 euros ás axudas para fomentar accións de demostración e información no agro galego

0

Trátase de procurar un incremento da produtividade e a eficiencia das explotacións e as empresas do medio rural

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan para o ano 2018 as axudas para o financiamento de actividades de demostración e accións de información para o sector agroforestal e agroalimentario galego, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Trátase de procurar un incremento da produtividade e a eficiencia das explotacións e as empresas. A dotación desta liña de axudas acada os 301.592 euros, que se repartirán en dúas anualidades: no ano 2018 o crédito destinado á subvención é de 161.580 euros e para o ano 2019 será de 140.011 euros.

Poden ser beneficiarios destas subvencións as entidades privadas con sede en Galicia (entre elas, cooperativas ou outras entidades asociativas agrarias) que teñan entre as súas finalidades a formación e/ou información ao sector. Deben ter acreditada experiencia de dous anos na organización deste tipo de accións.

Leer más:  SUS-Santiago fija "posición de ciudad" para pedir la intervención del Gobierno y ampliar el uso residencial de Peleteiro

Entre as actividades a financiar estarían as sesións prácticas para ilustrar unha tecnoloxía, o uso de maquinaria nova ou mellorada de xeito significativo, un novo método de protección de cultivos ou unha técnica específica de produción. Estas actividades poden tomar a forma, por exemplo, de campos de demostración. Tamén son susceptibles de apoio as accións de información, tales como congresos, feiras, xornadas de portas abertas, difusión en medios de comunicación ou sesións informativas.

Nos criterios de selección das solicitudes destas axudas primaranse as actividades dirixidas preferentemente a mozos e mulleres do medio rural, valorándose tamén as vinculadas coa xestión sustentable dos recursos naturais. As peticións deberán facerse efectivas no prazo dun mes contado dende mañá, día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Enlace ao DOG:https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180726/AnuncioG0426-130718-0001_gl.html 


- Te recomendamos -