Inicio Galicia Medio Rural comprométese a rematar administrativamente este ano as parcelarias de Niñodaguia...

Medio Rural comprométese a rematar administrativamente este ano as parcelarias de Niñodaguia e Novela, en Santiso

0

Así llo trasladou a conselleira ao rexedor municipal nunha reunión mantida hoxe en San Caetano

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse esta mañá en San Caetano co alcalde de Santiso, Manuel Adán, para analizar a situación actual das reestruturacións parcelarias neste municipio coruñés. Así, a conselleira comprometeuse a que os dous procesos abertos a día de hoxe estarán rematados administrativamente antes de que remate o ano.Ángeles Vázquez sinalou que o seu departamento está realizando un gran esforzo económico ao tratar de rematar administrativamente os 112 procesos vivos que hai en Galicia, lembrando que dende o ano 2016 se investiron máis de 64 millóns de euros neste obxectivo. No caso concreto de Santiso, a consellería destinou máis de 2,1 millóns de euros na reestruturación das zonas de Niñodaguia-Serantes e de Novela-Liñares-Pezobrés.

En ambos os dous procesos, os veciños puideron tomar posesión das novas parcelas pero está pendente rematar a comprobación de superficies gráficas e alfanuméricas para así cumprir coa modificación da lei hipotecaria, co fin de proceder á firmeza do acordo e darse así por rematada administrativamente a reestruturación.

Máis de 1.300 hectáreas reorganizadasA reestruturación parcelaria de Niñodaguia-Serantes afecta unha superficie de 479 hectáreas, propiedade de 364 veciños. Pasouse de 1.997 parcelas a 630 predios actuais, incrementando así a base territorial da xente desta zona, pois os terreos aumentaron de media un 200% de superficie. Trátase dunha zona dedicada, principalmente, a labradío pero tamén ten unha parte forestal. Neste proceso lévanse investidos 792.873 euros.

No tocante á zona de Novela-Liñares-Pezobrés, esta comprende unha reorganización de 845 hectáreas de 370 propietarios. As parcelas tamén incrementaron a súa superficie, pasando dun total de 3.087 predios a 910. A inversión realizada nesta zona ascende a máis de 1.348.000 euros, a maior parte dedicada á rede de camiños principais.

Prevención de incendiosNoutra orde de cousas, o alcalde aproveitou o encontro para solicitar á Consellería do Medio Rural un tractor para levar cabo as limpezas e rozas municipais. Ángeles Vázquez sinalou ao respecto que se estudiará, como todas as peticións, a dispoñibilidade orzamentaria. O obxectivo é chegar este ano aos 70 concellos galegos aos que se lles facilitou esta maquinaria, ben a través de achegas económicas para a súa compra ou autorizando o seu uso. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre