Inicio Galicia Medio Rural cede dous vehículos motobomba ao concello do Barco de Valdeorras...

Medio Rural cede dous vehículos motobomba ao concello do Barco de Valdeorras e á Mancomunidade do Carballiño

0

Así o recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia coa publicación de dúas ordes que acordan a entrega en propiedade destes vehículos

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe dúas ordes da Consellería do Medio Rural pola que se acorda a cesión en propiedade dun vehículo motobomba ao concello do Barco de Valdeorras e outro á Mancomunidade de concellos do Carballiño.

Desta forma refórzase o operativo de loita contra os incendios forestais, dotando ás entidades locais dos medios necesarios para un correcto funcionamento do dispositivo. Esta cesión súmase ás 42 renovacións de motobombas municipais que a Xunta leva feito desde o ano 2013, co fin de mellorar o traballo que se realiza desde os distritos forestais.

Esta achega faise consonte á normativa reguladora das bases do réxime local, que establece que lles corresponde aos concellos exercer no ámbito territorial da súa responsabilidade competencias en materia de prevención e extinción de incendios, nos termos da lexislación do Estado e das comunidades autónomas. Así, cada unha das entidades que recibe unha motobomba deberá cumprir coas obrigas da Dirección Xeral de Tráfico e realizar o trámite de cambio de titularidade do vehículo, facerse cargo de todos os gastos de mantemento do vehículo e os derivados do seu uso, os propios do seguro, inspección técnica, etc.

Estes vehículos forman parte do operativo antiincendios de Medio Rural, que na tempada de alto risco está composto por 360 motobombas, cisternas, pas, unha trintena de medios aéreos e preto de 7.000 traballadores.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre