Inicio Galicia Medio Rural autoriza o uso temporal de cinco tractores a outras tantas...

Medio Rural autoriza o uso temporal de cinco tractores a outras tantas entidades locais da provincia de Ourense para axudarlles nos labores de prevención de incendios forestais

0

A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, participou no acto de entrega desta nova maquinaria que lles facilitará o cumprimento das súas obrigas na xestión da biomasa aos concellos beneficiados

A Consellería do Medio Rural vén de colaborar cos municipios galegos co obxectivo de facilitarlle o cumprimento das súas obrigas na xestión da biomasa. Así, a xefatura territorial deste departamento autonómico en Ourense chegou a acordos de colaboración con 5 entidades locais da provincia para o uso temporal de outros tantos tractores, que seguirán sendo propiedade da Xunta.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, xunto co xefe territorial, Yago Borrajo, entregoulle hoxe a maquinaria aos representantes das mancomunidades do Ribeiro (que integra os concellos de A Arnoia, Beade, Cenlle, Cortegada e Leiro) e de Ourense (formada por Baños de Molgas, Esgos, Maceda, Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz, Parada de Sil, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadañedo), ademais dos concellos agrupados de Monterrei-Cualedro, Rairiz de Veiga e Toén. A maquinaria que consiste nun vehículo tractor e dous apeiros (1 rozadoira de brazo e unha trituradora suspendida traseira) será utilizada na prevención de incendios forestais nestes concellos. O obxectivo do convenio de autorización de uso temporal destes tractores que asinarase proximamente coas entidades locais é facilitarlle aos municipios beneficiados os traballos de limpeza de matogueira no ámbito das súas competencias.

Ademais desta vía de colaboración, co propósito de colaborar cos concellos na prevención de incendios forestais e para financiar a adquisición de maquinaria, a Consellería do Medio Rural asinou o pasado verán convenios con outros seis concellos da provincia: Bande, Cartelle, Larouco, Maceda, A Veiga e Xinzo de Limia. En virtude destes acordos, Medio Rural comprometeuse a financiar a compra da maquinaria por parte dos municipios beneficiados. A axuda destínanse á compra dun tractor con dous apeiros de roza (un de arrastre e outro de brazo). O IVE correspondente tivo que aboalo cada concello. No caso de Larouco, na adquisición desta maquinaria, este municipio tamén contou coa colaboración da Deputación de Ourense.

Estes concellos foron seleccionados de acordo cunha serie de criterios obxectivos, entre os que figuran o seu número de entidades singulares de poboación, a súa superficie ou que teñan subscrito con Medio Rural o convenio para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais durante os anos 2016, 2017 e 2018.

A esta medida hai que sumar os tradicionais convenios de colaboración para a prevención e defensa contra os incendios forestais polo que as entidades locais poden subvencionar as rozas, dispor de motobombas e brigadas municipais; e o acordo coa Fegamp no que Medio Rural investirá máis de 28 millóns de euros ata 2021 para poñer en marcha un sistema público de xestión da biomasa nas proximidades dos núcleos de poboación.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre