Inicio Galicia Medio Ambiente, Xuventude e Deportes subliñan o potencial da Lei de pesca...

Medio Ambiente, Xuventude e Deportes subliñan o potencial da Lei de pesca para rexuvenecer o sector e atraer novos afeccionados

0

A Consellería que dirixe Ángeles Vázquez segue coa rolda de contactos para analizar o anteproxecto, en fase de información pública, e coñecer a opinión dos principais colectivos, entidades e organismos relacionados coa pesca continental


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda continúa coa súa rolda de contactos para presentar o contido e as principais novidades do anteproxecto da Lei de Pesca Continental aos diferentes colectivos, organismos públicos e entidades galegas implicados no sector. Concretamente, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, mantivo reunións esta semana coa súa homóloga en materia de Xuventude, Cristina Pichel, co subdirector de Plans e Programas da Secretaría Xeral para o Deporte, Jorge Rubén Sampedro, e co catro veces campión do mundo de pesca a mosca, David Arcay, que coincidiron en resaltar o papel clave que xogará a futura lei para potenciar a pesca sen morte e garantir o relevo xeracional neste sector.

Cómpre lembrar que a comezos de maio abriuse o período de información pública do anteproxecto da Lei de Pesca Continental e o trámite de consulta específica aos sectores directamente afectados pola futura normativa. Neste sentido, Belén do Campo trasladoulles que un dos principais obxectivos da futura normativa será fomentar e promover a pesca sen morte nos ríos galegos, polo que a nova lei daralle un pulo a esta práctica co fin de que coexista co modelo tradicional extractivo e acadar un equilibrio entre ambos, grazas tamén a unha participación maior e máis activa por parte dos mozos galegos.

Con este fin, precisamente, a responsable de Patrimonio Natural explicoulles que o texto prevé varias medidas novidosas orientadas a incentivar a incorporación das novas xeracións ao mundo da pesca deportiva. Así, os rapaces de ata 14 anos poderán desenvolver este tipo de actividade sen necesidade de licenza e todos os pescadores menores de idade quedarán eximidos do pagamento das taxas para a obter licenza, dúas novidades que tanto do Campo como o subdirector de Plans e Programas da Secretaría Xeral para o Deporte, Jorge Rubén Sampedro, coincidiron en que contribuirán á remuda xeracional que necesita o sector.

A pesca sen morte é unha modalidade que permite conxugar a práctica deportiva co obxectivo de sustentabilidade ambiental que orienta as distintas políticas da consellería. Por este motivo, a Xunta confía en que a través da nova lei se contribúa a dar a coñecer e fomentar a pesca sen morte entre as xeracións de mozos galegos.

Para lograr este fin, Belén do Campo e o campión mundial de pesca a mosca David Arcay coincidiron en que o camiño a seguir debe ser apostar pola concienciación, a formación e o fomento dos valores deportivos e medioambientais asociados a esta modalidade entre o público máis novo.

Na mesma liña, do Campo referiuse a outra das novidades incluídas na lei: a creación das chamadas escolas de río, co fin de implicar e educar aos máis pequenos na conservación dos ecosistemas acuáticos continentais. Estas escolas enmarcaranse dentro dunha Estratexia galega de Educación Ambiental para fomentar a formación e a participación de pescadores noveis en todo o relacionado co mundo da pesca deportiva.

Achegar o mundo da pesca aos campamentos xuvenísO potencial desta práctica deportiva entre os nenos e mozos galegos foi o tema central da xuntanza entre Belén do Campo e a directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, quen considerou que queda moita marxe aínda para lograr atraer ás novas xeracións ao mundo da pesca continental e inculcarlles o respecto e a necesidade de manter limpos e coidados os nosos ríos.

De feito, ambas responsables valoraron a posibilidade, de cara a vindeiros anos, de incluír actividades formativas e contidos relacionados coa práctica da pesca deportiva dentro dos campamentos de verán e nas outras actividades dirixidas aos mozos galegos que ofrece a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Por último, Jorge Rubén Sampedro e David Arcay tamén se amosaron moi interesados na nova clasificación das augas continentais que incorpora a lei, coa inclusión dunha nova categoría de escenarios deportivos, sociais e de formación, é dicir, zonas específicas destinadas a competicións deportivas, adestramento e tamén a formación e divulgación da actividade pesqueira. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre