Inicio Galicia Medio Ambiente traslada o seu apoio a candidatura do Xeoparque Cabo Ortegal,...

Medio Ambiente traslada o seu apoio a candidatura do Xeoparque Cabo Ortegal, no Comité Nacional Español de Xeoparques

0

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, participou esta mañá na reunión do Comité Nacional de Xeoparques, onde se analizaron as propostas presentadas, así como o estado das candidaturas

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, vén de trasladar o compromiso e apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda á candidatura do Xeoparque Cabo Ortegal, que aspira a obter esta declaración por parte da Unesco como recoñecemento á riqueza xeolóxica da zona.

A directora xeral participou esta mañá na reunión da Comité Nacional Español de Xeoparques, onde destacou a importancia desta iniciativa promovida por sete concellos da Comarca de Ortegal: Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño.

Despois de que a Consellería competente na materia emitira unha carta de apoio, tal e como establece a Lei de Patrimonio Natural e da Biodiversidade de Galicia, a candidatura segue avanzando na súa tramitación cara o obxectivo de informar á Comisión Nacional Española de Cooperación coa Unesco.

Este ámbito que aspira á declaración atesoura un patrimonio xeolóxico singular de gran relevancia e unha estratexia de desenvolvemento propia relacionada co mesmo. Ademais, recoñece que de obter este recoñecemento internacional por parte do organismo da ONU, contribuiríase ao desenvolvemento de novas iniciativas relacionadas coa xeoconservación, a educación, a investigación e a divulgación do patrimonio cultural, histórico e natural desta comarca.

O territorio incluído na candidatura, de feito, conta cunha superficie de case 630 km2 e é todo un referente na xeoloxía europea. Nese sentido, a declaración como xeoparque mundial permitirá darlle un novo pulo a estes valores xa coñecidos, ao tempo que abrirá novas oportunidades e posibilidades para unha dinamización social, cultural e económica da súa zona de influencia, que suma en total unha poboación de máis de 28.000 habitantes.

A directora xeral recordou que a importancia desta zona tamén está recoñecida a través de varias figuras de protección ambiental, como zonas de especial conservación (ZEC), zonas de especial protección de aves (ZEPA) e a figura Ramsar.

Belén do Campo recordou que no momento en que este xeoparque reciba esta distinción estaremos ante o segundo xeoparque de Galicia, pois tamén se conta co xeoparque das Montañas do Courel.

Cómpre lembrar que a candidatura de Cabo Ortegal foi presentada oficialmente a comezos de ano en Fitur, unha das feiras de turismo máis importantes do mundo, e en abril constituíuse a asociación xestora do proxecto, cuxa memoria foi publicada o 17 de abril no Boletín Oficial da Provincia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre