Inicio Galicia Medio Ambiente traballa nun pacto social pola vivenda con dez novas medidas...

Medio Ambiente traballa nun pacto social pola vivenda con dez novas medidas para os vindeiros cinco anos

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentou as liñas estratéxicas que está a ultimar o Instituto Galego de Vivenda e Solo e para as que espera contar co consenso de todos os actores implicados

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto, adiantou esta mañá que o Instituto Galego de Vivenda e Solo está a ultimar o documento que está chamado a ser “o Pacto Social pola Vivenda” e que recollerá dez novas medidas que guiará a acción do Goberno nos vindeiros cinco anos para facilitar un fogar sostible e respectuoso co medio ambiente aos galegos. Indicou que se trata dun primeiro documento, “non pechado e aberto a cambios”; coa finalidade de que os actores implicados, cidadanía e sector, poidan facer as súas achegas e “conseguir unha estratexia consensuada, realista e, o máis importante, efectiva”. Isto significa que se aposta polo diálogo social escoitando as necesidades das familias e das empresas.

En palabras da conselleira, a proposta que está a ultimar o IGVS para o período 2021-2025 é un documento no que se abordou o acceso á vivenda desde todos os puntos de vista, unha proposta de folla de ruta que conta con medidas novidosas e que tamén suma ás que xa están en marcha e recollendo éxitos, como o programa de rehabilitación de vivendas de mestres, grazas ás case 50 medidas se investiran uns 300 millóns de euros para axudar a 40.000 fogares galegos.

As medidas que se porán en marcha, previa consulta e consenso cos implicados, apostan principalmente polo alugueiro, a rehabilitación de vivendas e loita contra a exclusión residencial. Nese sentido, impulsarse o acceso dos colectivos máis desfavorecidos, activando unha nova liña de axuda á compra de vivendas protexidas de ata 20.000 euros para familias con ingresos inferiores a 4,5 veces o Iprem, que poderán ser de nova construción ou unha rehabilitación. Tamén se quere poñer en marcha un novo programa de alugueiro con opción a compra destinado a menores de 35 anos, co obxectivo de facilitar a emancipación dos mozos, permitindo que orienten a súa vida laboral antes de tomar a decisión de adquirir unha vivenda.

Para fomentar o alugueiro daquelas vivendas baleiras, estableceranse novos incentivos aos propietarios, con axudas de ata 6.000 euros a cambio da cesión en réxime de usufruto e xestión do alugueiro por parte do IGVS.

A conselleira defendeu que apostar polo rehabilitación ten un duplo obxectivo: facilitan o acceso á vivenda e axudan a asentar poboación, sobre todo no rural; polo que se creará unha plataforma informática para dispor dun rexistro de núcleos en estado de abandono, co fin de facilitar obras de rehabilitación, a través da simplificación dos procedementos de adquisición ou alugueiro de vivendas en ruína. Estas actuacións veranse acompañadas dunha liña de axudas a particulares para que sexan autopromotores de vivendas nos núcleos rurais de concellos con saldo demográfico negativo, engadiu.

Explicou que esta non será a única liña de incentivos, posto que se quere poñer en marcha programas indirectos de apoio á rehabilitación, mediante a sinatura de convenios con asociacións ou entidades para fomentar o financiamento das obras de rehabilitación de particulares, colaborando na profesionalización do sector, a través da formación específica.

A conselleira argumentou que un piar importante na vida dos cidadáns é o acceso ás oportunidades laborais, polo que se establecerán medidas dirixidas a pequenos emprendedores, como a elaboración dun plan de uso de locais comerciais, propiedade de IGVS, con importantes incentivos ao alugueiro.

Outro dos obxectivos é impulsar a implantación de grandes iniciativas empresariais en ámbitos rurais; por iso naqueles concellos con dinámicas demográficas negativas se establecerá a posibilidade de que a adxudicación de solo poida levar aparellada a sinatura de convenios entre a Xunta, concellos e empresa para poñer a disposición dos traballadores vivendas en alugueiro a prezos moderados.

Asemade, destacou unha última medida deste Pacto social pola Vivenda: a convocatoria de de axuda a parques empresariais locais, co obxectivo de desenvolver pequenas áreas locais que faciliten o asentamento empresarial ou comercial en zonas menos poboadas.

Vázquez Mejuto reiterou que se trata dun documento vivo e aberto a cambios, que agora ten que ser analizado e avaliado polo sector e todos os actores implicados para “entre todos elaborar unha estratexia integral e completa”, que aborde todas las perspectivas da vivenda, pensada para as familias e as empresas e que axude a impulsar a reactivación económica e social de Galicia.

Esta nova senda completará e reforzará o traballo realizado ata o momento polo Goberno galego, que fixo unha forte e firme aposta pola rehabilitación de vivendas e a rexeneración urbana, con iniciativas como o Programa Rexurbe, as Áreas Rexurbe xa declaradas, as 71 Áreas de Rehabilitación Integral ou o Programa de Vivendas de Mestres; sen esquecer as axudas para adquirir ou facilitar o alugueiro; ao tempo que se impulsa a construción de vivendas de promoción pública ou se dota de solo residencia para VPP nas grandes cidades galegas.

Por último, sinalou que as políticas de vivenda foron mudando, para adaptarse á realidade económica e ás demandas da sociedade galega; pero o que non cambiou foi a aposta e o compromiso do Goberno por facilitar o acceso á vivenda, especialmente aos colectivos que experimentan maiores dificultades.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre