Inicio Galicia Medio Ambiente somete a información pública a inclusión no Catálogo galego de...

Medio Ambiente somete a información pública a inclusión no Catálogo galego de árbores senlleiras dun carballo en Agolada

0

Co anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia, ábrese desde mañá un período de 20 días hábiles para que os interesados presenten as súas observacións

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública unha solicitude para ampliar o Catálogo galego de árbores senlleiras coa incorporación dun novo exemplar de carballo localizado no lugar de San Martiño de Ramil, no Concello de Agolada (Pontevedra). Deste xeito, ábrese a partir de mañá un período de 20 días hábiles durante o cal todas as persoas interesadas ou que se consideren directamente afectadas pola proposta, realizada neste caso pola Fundación Eria, poderán remitir as súas observacións e achegas á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

O carballo de San Martiño de Ramil que aspira a formar parte do censo de árbores senlleiras de Galicia está localizado na pequena parroquia de San Martiño de Ramil, moi preto da igrexa parroquial que leva o mesmo nome. Trátase dun exemplar cunha altura de 18 metros, 100 centímetros de diámetro e 314 de perímetro de copa.

A información do expediente relacionado con este carballo estará dispoñible para a súa consulta nas dependencias da Dirección Xeral de Patrimonio Natural en Santiago de Compostela e na Xefatura Territorial de Medio Ambiente en Pontevedra, e tamén poderá examinarse de forma dixital a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente.

O Catálogo galego de árbores senlleirasO Catálogo galego de árbores senlleiras é un rexistro público de carácter, administrativo dependente da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, no cal se inclúen todas aquelas árbores e formacións da comunidade que, atendendo ás súas características excepcionais, merecen recibir unha protección especial. Neste sentido, entre os elementos a valorar en cada solicitude cómpre subliñar aspectos tales como o porte, as dimensións, a idade, a rareza, a significación histórica ou cultural ou o interese científico-educativo do exemplar en cuestión.

O obxectivo de promover a inclusión dunha árbore ou formación dentro deste catálogo é sempre o de garantir a súa protección e conservación, ao entender que pola súa propia singularidade ou características, merecen ser preservados e inventariados. Trátase dunha ferramenta aberta e en constante actualización, de tal xeito que se pode propoñer a inclusión de elementos novos tanto a iniciativa dos seus propietarios, de administracións públicas, de centros de investigación ou asociacións (como ocorreu neste caso) e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza. De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, este catálogo foi obxecto xa de diversas revisións.

Na actualidade, hai 189 elementos (151 exemplares e 38 formacións arbóreas) pertencentes a 80 especies diferentes coa seguinte distribución provincial:

 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre