Inicio Galicia Medio Ambiente solta máis de 6.000 xuvenís de salmón no río Deva...

Medio Ambiente solta máis de 6.000 xuvenís de salmón no río Deva no marco do proxecto transfronteirizo Migramiño

0

Estes exemplares foron criados de forma artificial na piscifactoría que ten a Xunta en Carballedo e agora servirán para incrementar a área de colonización desta especie no Baixo Miño


A Consellería de Medio Ambiente vén de realizar o repoboamento do río Deva, un antigo couto salmoneiro do Baixo Miño, con 6.000 xuvenís de salmón. Estes exemplares súmanse aos máis de 20.000 que xa se soltaran nesta canle en 2017 e aos 6.000 do pasado ano, unha acción que se enmarca no proxecto de cooperación transfronteirizo Migramiño e coa que se busca incrementar a área de colonización do salmón no tramo internacional desta bacía.

Todos estes salmóns foron criados na piscifactoría que ten a Xunta en Carballedo (Cerdedo-Cotobade) a través da reprodución artificial do lote de salmóns do Miño formado por exemplares capturados na estación da presa de Frieira (Crecente-Padrenda) cando remontan o río para reproducirse despois de regresar das augas do Mar do Norte e de Groenlandia. Alí pasan dous ou tres anos antes de regresar ao río onde naceron. Por iso, calcúlase que en 2020 deberían regresar os primeiros salmóns liberados, xa adultos, para reproducirse no río Deva.

O programa de reprodución artificial levado a cabo no marco deste proxecto de cooperación con Portugal permitiu soltar xa máis de 90.000 xuvenís de salmón no Baixo Miño desde o ano 2017, 5.000 deles no río Mouro. É a primeira vez que se realiza unha repoboación de salmóns na parte portuguesa da bacía do Miño, grazas á colaboración entre a Xunta de Galicia e o Instituto de Conservação da Natureza e das Florestas (ICNF).

Outras medidas levadas a cabo conxuntamente entre as Administracións galega e lusa foi o plantado de ovos de salmón no río Gadanha e tamén está prevista unha solta de xuvenís de salmón no Limia, que marca o límite sur da distribución desta especie en Europa.

Ademais destas accións para mellorar a poboación do salmón, a Xunta e o ICNF teñen colaborado neste proxecto para a traslocación de angulóns dende a bacía de Freira a diversos afluentes do Miño en Portugal. Actualmente tamén se está a tentar a reprodución artificial por primeira vez do sábalo, outra especie migradora presente no río e que está catalogada como “vulnerable” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

Obxectivo de repoboación superadoTodas estas accións de reforzo das poboacións de peixes migradores enmárcanse no proxecto Migramiño, cuxa finalidade é mellorar a protección e conservación do hábitat fluvial da bacía do río Miño no tramo internacional, desde o encoro de Frieira ata a súa desembocadura. Cando se puxo en marcha, esta iniciativa prevía lograr a repoboación de 80.000 xuvenís de salmón entre os anos 2017 e 2019, cifra que xa se superou amplamente coas campañas realizadas ata o momento.

Ademais da Xunta de Galicia e do ICNF, no proxecto transfronteirizo Migramiño participan tamén os organismos de xestión da bacía a ambos lados da fronteira (Confederación Hidrógrafica do Miño-Sil e Agência Portuguesa do Ambiente), as institucións investigadoras especialistas na temática (Universidade de Santiago de Compostela e Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental) así como a Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, onde se sitúa o Aquamuseu do Río Miño.

Toda a información dispoñible sobre o proxecto está na web migraminho, onde tamén se pode consultar un vídeo realizado pola Xunta de Galicia para explicar o ciclo reprodutivo e o traballo de repoboación que se está a levar a cabo tanto na parte galega como portuguesa do río Miño (http://migraminho.org/4788-2/)

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre