Inicio Galicia Medio Ambiente solicita ao concello unha maior implicación nas xestións para adquirir...

Medio Ambiente solicita ao concello unha maior implicación nas xestións para adquirir novos inmobles no casco vello de Vigo

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda demanda á Administración local que proceda coa expropiación de inmobles, co fin de rehabilitalos e facilitar fogares aos veciños

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, solicitou ao Concello de Vigo unha maior implicación nas xestións necesarias para adquirir novos inmobles para rehabilitar no Casco Vello. Así o puxo de manifesto durante unha visita ás obras de rehabilitación do inmoble ubicado no número 12 da rúa Cruz Verde, onde recordou que o Casco Vello de Vigo é un proxecto ao que hai que darlle continuidade para que esta zona cobre valor e vida.

Nese sentido, explicou que o Concello debe poñer interese e vontade e facilitarlle ao Consorcio a adquisición de varios inmobles, pois hai varios nos que se ten interese e -por diversas circunstancias- non se poden adquirir, o que impide a rehabilitación desexada; polo que é preciso que o Concello proceda a expropiar os inmobles e continuar coa recuperación.

Destacou o valioso traballo de recuperación edificatoria e patrimonial que está a realizar o Consorcio do Casco Vello, onde a participación da Xunta é do 90% e a do Concello de Vigo do 10%, polo que os investimentos realizados permiten facilitar o acceso a unha vivenda ás familias e recuperar a vida dos centros históricos e de zonas degradadas das cidades.

A conselleira recordou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda leva investidos 27 millóns de euros na rehabilitación do Casco Vello de Vigo e a anualidade de 2020 duplicou a realizada en 2019. Engadiu que desde o ano 2005 o Consorcio rehabilitou un total de 108 vivendas e 33 locais.

Na actualidade, no Casco Vello estanse a realizar obras de rehabilitación de 15 vivendas e 3 locais, por un importe de 2,82 millóns de euros, na zona alta do Casco Vello e na zona do Berbés.

Explicou que a estas vivendas hai que sumar os inmobles visitados esta mañá na rúa Cruz Verde, que se atopan nunha ubicación privilexiada moi preto da Porta do Sol. Aclarou que as obras remataron este verán, polo que xa está aberto o prazo de inscrición para optar á compra destas dúas vivendas e un local comercial – ata o próximo 13 de outubro- entre todos os interesados que se atopen inscritos no Rexistro de demandantes de Galicia. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre