Inicio Galicia Medio Ambiente salienta o labor dos seus centros de recuperación de fauna,...

Medio Ambiente salienta o labor dos seus centros de recuperación de fauna, que atenderon o ano pasado a máis de 3.300 animais

0

A conselleira Ángeles Vázquez participou esta mañá nun acto para devolver ao seu hábitat natural dous exemplares de miñatos recuperados no centro do Rodicio


Máis de 3.300 animais foron atendidos o ano pasado nos catro centros de recuperación de fauna silvestre que ten a Xunta de Galicia destinados á atención de exemplares feridos ou enfermos recollidos en distintos puntos da comunidade. Así o avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, tras participar nun acto para reintroducir no seu hábitat natural a dous exemplares de miñatos que pasaron os últimos meses no Centro de Recuperación do Rodicio.

Tras poñer en valor o traballo que se desenvolve nestas instalacións, que actúan na práctica como “hospitais” para a fauna autóctona, a responsable galega de Medio Ambiente considerou que os datos estatísticos de animais atendidos nos últimos anos son a mellor mostra da necesidade e do intenso labor que se leva a cabo nos catro centros existentes en Galicia, un en cada provincia: o de Oleiros (A Coruña); o do Veral (Lugo); o de Carballedo (Cerdedo-Cotobade); e o do Rodicio (Ourense).

Así, Vázquez Mejuto explicou que o ano pasado 3.322 animais pasaron por estas catro instalacións. Na súa maioría, os exemplares atendidos foron aves (concretamente, 2.914) aínda que tamén estiveron ingresados 25 mamíferos e unha decena de réptiles. No caso do centro ourensán do Rodicio, no Concello de Maceda, a cifra de ingresos ao longo do ano pasado ascendeu a 245, mentres que nos sete primeiros meses de 2018 xa pasaron por estas instalacións 213 exemplares e preto de medio cento foron liberados directamente sen necesidade de permanecer ingresados nas súas dependencias.

O obxectivo principal deste tipo de instalacións, como explicou Ángeles Vázquez, é “fomentar a conservación e a recuperación das especies de fauna silvestre” cando polo seu estado de saúde requiran dunha atención e seguimento profesional en catividade ata a súa completa recuperación, momento no que se procede á súa devolución á natureza.

Este foi o caso dos miñatos liberados esta mañá en Maceda, que tras pasar varios meses ingresados nas dependencias do Rodicio recibindo todos os coidados necesarios para garantir a súa recuperación, hoxe puideron volver ao seu medio natural da man da conselleira e da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz.

Nova Lei de Patrimonio NaturalPor outra banda, a conselleira de Medio Ambiente aproveitou a visita para referirse á recente aprobación da Lei de Patrimonio Natural de Galicia, un texto que substituirá a unha norma con 18 anos de vixencia e que previsiblemente entrará en vigor a finais deste verán.

A este respecto, Vázquez Mejuto defendeu a necesidade de actualizar e impulsar un novo marco lexislativo nesta materia atendendo á gran riqueza e diversidade naturais que caracterizan e identifican a Galicia.

Así, referiuse a algunhas das novidades máis salientables que incorpora a lei en materia de protección da fauna silvestre, como a creación dun Listado de especies en réxime de protección especial, a regulación por primeira vez da chamada conservación e cría de animais ex situ (é dicir, fóra do seu hábitat), ou a constitución do Catálogo de hábitats en perigo de desaparición de Galicia, entre outras.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre