Inicio Galicia Medio Ambiente reúne en Santiago a expertos en gases fluorados para analizar...

Medio Ambiente reúne en Santiago a expertos en gases fluorados para analizar e debater sobre o seu impacto no cambio climático

0

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático inaugurou esta mañá unha xornada de sensibilización dedicada a analizar os primeiros resultados do proxecto de cooperación ‘KET4F-GAS’, no que Galicia participa como socia


Expertos e investigadores de varios países participaron hoxe en Santiago na xornada Redución do impacto medioambiental dos gases fluorados no espacio SUDOE, un encontro de carácter técnico para dar a coñecer os avances e os primeiros resultados do proxecto de cooperación internacional KET4F-GAS, que busca reducir o impacto ambiental deste tipo de gases durante o seu proceso de reciclaxe e recuperación usando tecnoloxías máis eficientes e benignas co medio ambiente.

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, foi a encargada de inaugurar esta mañá a xornada, que acolleu Galicia na súa calidade de socia do proxecto. A Xunta, de feito, é unha das institucións que colaboran desde o ano 2018 nesta iniciativa, cunha duración prevista de tres anos e que conta cun total de 14 socios e seis asociados participantes de España, Francia e Portugal, entre os que figuran universidades, empresas, axencias de residuos e ambientais, entidades públicas e privadas.

Baixo a denominación KET4F-GAS do, o proxecto está cofinanciado polo programa INTERREG-Sudoe e dispón de 1,7 millóns de orzamento para avanzar cara á redución da produción e o consumo dos hidrofluorocarbonos polos seus significativos efectos no quecemento global. Neste sentido, María Cruz Ferreira incidiu en que o uso deste tipo de gases aumentou de forma drástica nos últimos anos ao ser uns bos substitutos de substancias responsables da destrucción da capa de ozono.

En todo caso, os gases fluorados son potentes gases de efecto invernadoiro, cun efecto de quecemento global moito maior que o do dióxido de carbono –de feito, as súas emisións poden ser neste sentido ata 23.000 veces máis potentes que as de CO2- que fan que deban reducirse dacordo co protocolo de Kioto e a nova regulación europea.

Por esta razón, Ferreira subliñou a importancia do traballo que se está a realizar no marco do KET4F-GAS xa que entre os seus principais obxectivos figura o de desenvolver e implementar as chamadas Tecnoloxías Facilitadoras Esenciais (TFE), usando para elo sistemas de tratamento deseñados de acordo aos principios da química verde, máis benignos e eficientes, para recuperar os gases fluorados empregados en equipos de refrixeración e aire acondicionado, e reducir así as súas emisións.

A achega a este proxecto da Consellería de Medio Ambiente ten que ver coa avaliación e control dos incidentes que provoque a actividade humana sobre o ambiente e a proposta de solucións e supón un compromiso da Consellería de Medio Ambiente coa innovación en mitigación, xa que ademais do desenvolvemento de compostos substitutivos dos gases fluorados, investiga a busca de tecnoloxías que traten as emisións deste tipo de gases. O orzamento da DXCACC é de 102.000 euros -76.500 euros a cargo de fondos comunitarios-.

A EGCCE 2050Así mesmo, a directora xeral fixo fincapé na súa intervención no esforzo e os pasos importantes dados pola Xunta de Galicia ao longo dos últimos anos co fin de adoptar unha postura activa á hora de avaliar, controlar e propoñer solucións ao impacto que provoca a actividade humana sobre o medio ambiente. Neste sentido, subliñou sobre todo a aprobación hai dous meses da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 (EGCCE), á que se sumará nas vindeiras semanas tamén a Estratexia Galega de Economía Circular (EGEC) 2020-2030.

Con estes dous documentos, de carácter transversal polo que na súa execución se implicará a totalidade da Xunta e que, ademais, son froito dun intenso proceso participativo con todos os axentes implicados, Galicia traza a súa propia folla de ruta para avanzar e facer fronte a fenómenos cun impacto global pero que requiren de respostas en clave rexional.

Por último, María Cruz Ferreira aproveitou a súa intervención para poñer en valor o traballo realizado polo Executivo autonómico en materia de cambio climático, apoiando non só esta senón tamén outras iniciativas e proxectos internacionais de investigación con obxectivos similares.

De feito, o KET4F-GAS é un dos sete proxectos europeos de I+D+i que está a desenvolver nestes momentos a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, e grazas aos cales captará para Galicia preto de 800.000€ de fondos comunitarios, nunha clara aposta pola innovación. Todos eles teñen en común que traballan na mitigación e adaptación ao cambio climático desde diferentes áreas e perspectivas, que inclúen a xestión dos lumes, a protección do patrimonio cultural, a redución dos gases efecto invernadoiro, a adaptación costeira ante os riscos derivados do quecemento global e a aposta pola economía circular.

A través destas iniciativas cooperativas e de innovación a Xunta ten a posibilidade de traballar con outras entidades, públicas e privadas e tanto nacionais como internacionais, para ter así unha visión global dos problemas ambientais que preocupan á sociedade actual e ser así máis obxectivos á hora de acadar posibles solucións.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre