Inicio Galicia Medio Ambiente repartiu xa 18.000 quilos de penso aos centros autorizados para...

Medio Ambiente repartiu xa 18.000 quilos de penso aos centros autorizados para a recollida de animais abandonados xestionados por entidades protectoras

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantivo unha reunión por videoconferencia con representantes destas entidades que viron mermados os seus ingresos, por mor da crise sanitaria do Covid-19

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de completar o reparto de alimento aos 13 centros autorizados para a recollida de animais abandonados, que son xestionados por entidades protectoras. En total, repartíronse 18.000 quilogramos de penso.

A conselleira de Medio Ambiente trasladou os detalles do reparto a representantes da Asociación Protectora de Animais e plantas de Lugo, do Centro de recollida de animais abandonados de Verín, da Asociación Protectora de Animais e plantas de Vigo, e do Centro de recollida APADAN, cos que mantivo unha reunión por videoconferencia e aos que detallou que, en total, foron case 1.500 sacos de alimento os que se distribuíron para atender as necesidades de case 2.300 animais (cans e gatos) de máis dunha decena de centros de acollida de animais en Galicia.

A Xunta contratou –con carácter urxente- o subministro inmediato de alimentos para distribuir entre todas as Asociacións de Protección e Defensa dos animais debidamente rexistradas que xestionen nestes momentos algún centro autorizado para a recollida de animais abandonados na comunidade.

Estas entidades tamén sufriron as consecuencias da crise sanitaria provocada polo COVID-19, polo que se abordou a necesidade de colaborar con estas entidades de protección e benestar animal, co fin de garantir a cobertura das necesidades mínimas dos animais abandonados aos que acollen e coidan.

A situación de confinamento limitou a capacidade de ingresos destas entidades, xa que unha porcentaxe importante dos mesmos proceden da realización de eventos e actividades incompatibles coas medidas de confinamento establecidas polo Goberno; ademais de incrementarse os tempos de estadía dos animais nas instalacións e, indirectamente, tamén os custos de alimentación; ao non rexistrarse adopcións.

Tal e como xa se establecera, a distribución realizouse de xeito proporcional, é dicir, en función do número de ingresados que haxa actualmente en cada unha das instalacións, e de acordo cos datos que consten nos libros de rexistro oficial e coa declaración responsable aportada por cada un dos representantes das entidades que se encargan da súa xestión.

Nestes momentos hai inscritos no Rexistro Galego de Núcleos Zoolóxicos (REGANUZ) un total de 31 centros de recollida de animais abandonados: 12 na provincia da Coruña, nove en Pontevedra, seis en Ourense e catro en Lugo.

Tendo en conta o seu modelo de xestión, oito deles están dirixidos por entidades locais e por tanto, os seus gastos de funcionamento están incluídos nos orzamentos anuais municipais; outros oito centros son de xestión empresarial, de tal xeito que o seu financiamento depende dos servizos prestados a diferentes entidades municipais ou aos propietarios dos animais aos que atenden; e as instalacións restantes están xestionadas por entidades de protección e defensa dos animais que contan con fontes de ingreso máis variables e limitadas, como as axudas e achegas realizadas polos servizos prestados a concellos, as doazóns de particulares, as aportacións dos seus socios e, en gran medida, os ingresos recadados durante a realización de eventos e actividades propias como feiras.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre