Inicio Galicia Medio Ambiente renova por 430.000 euros o contrato para o mantemento das...

Medio Ambiente renova por 430.000 euros o contrato para o mantemento das 14 estacións da rede de calidade do aire de Galicia

0

A Xunta de Galicia é titular de 14 instalacións das 45 estacións fixas e móbiles que forman a Rede de Calidade do Aire de Galicia, que precisan dun mantemento preventivo e correctivo para asegurar o seu funcionamento conforme aos criterios de calidade esixidos pola lexislación vixente


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de asinar a prórroga do contrato para o servizo de mantemento das 14 estacións titularidade da Xunta da Rede de Control do Aire de Galicia, polo que durante os vindeiros 24 meses a empresa Envira Sostenible SA encargarase das actuacións de mantemento e conservación destes dispositivos. O importe do contrato é de 430.700 euros.

A Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático xestiona a Rede de Calidade do Aire de Galicia, que se compón de estacións de control fixas e móbiles de titularidade pública e privada. Diferéncianse entre varios tipos de estación: urbanas, industriais, rurais e de fondo.

Ditas estacións cumpren diferentes funcións, dependendo da súa situación e poboación á que representan. Nelas empréganse analizadores automáticos dos distintos contaminantes en aire ambiente: SO2, NO2/NOx, CO, O3, PM10, PM2,5 e BTX que emiten un dato cada 10 minutos e son analizados a tempo real polo persoal da Rede da Calidade do Aire de Galicia.

A Rede de Control do Aire consta actualmente de 45 estacións fixas, das cales 31 pertencentes as principais instalacións industriais da nosa comunidade, que polos seus procesos produtivos son susceptibles de afectar á calidade do aire da súa contorna.

As outras 14 pertencen Xunta de Galicia que se encarga do seu mantemento e xestión e están localizadas nas sete aglomeracións de máis de 50.000 habitantes de Galicia: Santiago, A Coruña e Vigo -contan con dúas estacións- mentres que Ferrol, Lugo, Pontevedra e Ourense dispoñen dunha única estación. Tamén se dispoñen destes dispositivos en vilas máis pequenas, como Lalín, Xinzo de Limia, Ponteareas ou Laza.

As estacións fixas compleméntanse cunha unidade móbil que se pode desprazar a calquera punto da xeografía galega para complementar ou ben comprobar os datos das estacións fixas e dos modelos ou ben en caso de denuncias, por exemplo.

Tanto os datos, como a descrición dos analizadores de que dispoñen cada unha das estacións e a súa localización exacta, están dispoñibles na páxina web http://www.meteogalicia.gal/Caire/ que amosa os datos das estacións da Xunta a tempo real.

Para asegurar que estes analizadores -e que os datos que emiten- cumpren con criterios de calidade e operatividade esixidos pola lexislación vixente en materia de calidade do aire, é necesario empregar un servizo de mantemento especializado que garanta o seu correcto funcionamento en todo momento, tanto para as operacións de mantemento preventivo que inclúen as verificacións quincenais de correcto funcionamento e as calibracións trimestrais, como nas operacións de mantemento correctivo que deben garantir a continuidade das medidas.

Calidade do aire en GaliciaO estado global da calidade do aire en Galicia durante o ano pasado foi bo. Esta é a principal conclusión do informe elaborado a partir dos datos recollidos pola Rede de Calidade do Aire de Galicia ao longo de 2019.

Tal e como se recolle no informe, en ningunha das estacións da Rede se superaron os valores límite para a saúde de dióxido de xofre, óxidos de nitróxeno e dióxido de nitróxeno, monóxido de carbono e partículas PM10 e PM2.5. Tampouco se excedeu o valor obxectivo de ozono en ningunha das estacións de Galicia, nin en 2019, nin como media nos tres últimos anos.

Analizando a evolución da concentración dos distintos contaminantes desde o ano 2013, as conclusións do Informe Anual da Calidade do Aire de Galicia 2019 tamén son positivas. Así, para o dióxido de xofre -de procedencia principalmente industrial- detéctase unha clara melloría xa que o 99% da poboación galega se atopa por debaixo do limiar inferior de avaliación. No caso do dióxido de nitróxeno, en ningunha zona de Galicia respíranse concentracións deste contaminante por riba do limiar superior de avaliación.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre