Inicio Galicia Medio Ambiente regula a pesca da anguía na desembocadura do río Tambre...

Medio Ambiente regula a pesca da anguía na desembocadura do río Tambre entre o 1 de maio e o 30 de setembro deste ano

0

A Consellería mantén para 2020 as principais condicións e medidas que rexeron durante a tempada pasada para a práctica desta actividade tradicional

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe no DOG a normativa que regula a pesca profesional da anguía na desembocadura do río Tambre durante a vindeira tempada, que se estenderá do 1 de maio ao 30 de setembro deste ano.

Segundo a resolución, pola que se aproba a renovación do plan de aproveitamento específico da especie e se manteñen os principais requisitos que rexeron nesta zona durante a campaña anterior, o tamaño mínimo dos exemplares capturados queda fixado en 20 centímetros, coa obriga de devolver ao río as anguías que non dean a talla, así como outras especies de peixe que entren nas nasas.

Así mesmo, para a práctica da pesca desta especie na desembocadura do río Tambre a única arte permitida será a nasa-voitirón, cun tamaño de malla non inferior a 14 milímetros e un límite de 10 artes por tripulante. O horario de pesca desenvolverase entre as 12.00 horas do luns e as 12.00 horas do sábado, cun máximo de oito horas diarias de traballo.

A pesca da anguía é unha actividade profesional tradicional que se desenvolve nalgunhas zonas concretas de desembocadura dos ríos galegos. No caso do Tambre, o tramo en cuestión discorre pola zona comprendida entre a liña que une Punta Testal con Punta Requeixo e Ponte Nafonso, na que traballa a Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia, que conta con dúas embarcacións que exercen esta actividade con cinco tripulantes.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre