Inicio Galicia Medio Ambiente recaba a opinión de asociacións veciñais galegas para esixir unha...

Medio Ambiente recaba a opinión de asociacións veciñais galegas para esixir unha solución rápida e eficaz á ocupación de vivendas

0

A conselleira Ángeles Vázquez mantivo unha reunión con representantes deste colectivo para trasladarlles o apoio da Xunta ante un problema social e de seguridade xurídica para os propietarios, que se agudizou nos últimos meses

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo unha reunión esta mañá con representantes de asociacións veciñais de Lugo, Ourense, Vigo e Ferrol co obxectivo de coñecer de primeira man a súa opinión sobre a ocupación ilegal de vivendas e trasladarlles a postura da Xunta a este respecto, así como o seu apoio para buscar posibles solucións.

Tras incidir na inquedanza do Goberno autonómico ante o incremento deste tipo de casos en diferentes puntos de Galicia, Vázquez Mejuto lembrou que as competencias autonómicas na materia son “moi limitadas”. Non obstante, considerou necesario que todas as administracións públicas tomen conciencia da necesidade de “dar un paso adiante” para atallar un problema que nos últimos meses se agudizou no conxunto do país xerando unha gran preocupación e serios prexuízos para os propietarios das vivendas afectadas.

Neste sentido, a conselleira asegurou que a ocupación ilegal de inmobles non se trata só dun problema de “orde pública e social” senón tamén de “seguridade xurídica” pola indefensión que supón para os lexítimos donos destes inmobles.

Por todo o exposto, avogou porque todas as administracións públicas “dean un paso adiante” para atallar o problema e colaboren na busca dunha solución que, segundo engadiu, pasa por impulsar as reformas lexislativas necesarias por parte do Estado.

Con este obxectivo, precisamente, Ángeles Vázquez trasladoulles aos representantes dos colectivos veciñais que o pasado venres solicitou por carta unha reunión co delegado do Goberno en Galicia para falar deste asunto.

Postura da Xunta ante o EstadoEsta non é a primeira vez que a Xunta se dirixe ao Executivo central para compartir a súa preocupación polo pulo que está a coller o fenómeno das ocupacións no conxunto do país. De feito, na última Conferencia Sectorial de Vivenda, Urbanismo e Solo convocada no mes de xuño, Galicia deu un paso ao fronte para transmitirlle a preocupación das comunidades por este problema e esixirlle ao Goberno central celeridade e eficacia para garantir axilidade nos desaloxos daquelas vivendas que están sendo ocupadas ilegalmente.

A resposta por parte do Executivo, sen embargo, non foi a esperada e tal e como lembrou a conselleira, a súa postura foi a de rexeitar calquera tipo de debate, alegando que a seguridade xurídica dos propietarios está garantida coa normativa vixente.

Fronte a esta actitude e días despois de que a Fiscalía Xeral do Estado ditase unha instrución específica coa intención de unificar e axilizar a actuación dos fiscais de todo o país ante casos deste tipo, Ángeles Vázquez recordou que é o Goberno central a administración “con competencias” para poder impulsar as reformas lexislativas que garantan unha solución “rápida, eficaz e duradeira” ao problema en todo o país.“É inadmisible que a ocupación ilegal dunha vivenda que alguén ten en propiedade só se castigue cunha multa e non cunha pena de prisión”, declarou a conselleira, que insistiu en que por este motivo a Xunta seguirá facendo todas as xestións que sexan necesarias e reclamando ao Estado o marco lexislativo máis axeitado para “endurecer as penas” e axilizar os procedementos xudiciais que permitan devolver os inmobles ocupados aos seus lexítimos propietarios.

Axudas para facilitar o acceso a unha vivendaPor último, a conselleira de Medio Ambiente lembrou que facilitar o acceso á vivenda a aqueles colectivos que máis o necesitan é unha das prioridades do Goberno galego, sobre todo nos últimos meses, durante os que moitos galegos se viron prexudicados a nivel económico pola pandemia da Covid-19.

Así, no ano 2020 o Goberno galego mobilizará diferentes tipos de axudas por un importe total de 20 millóns de euros que permitirán aliviar a situación de milleiros de familias á hora de pagar o seu alugueiro. En concreto, lembrou que se puxo en marcha unha liña de axudas específica pola Covid-19 –dotada con 7,9 millóns de euros e aínda en prazo de solicitude- para poder atender situacións de especial vulnerabilidade derivadas da pandemia.

Así mesmo, e polo que respecta aos beneficiarios do chamado Bono Alugueiro Social, un programa autonómico destinado a facilitar o acceso á vivenda aos colectivos máis desfavorecidos, o Goberno galego decidiu asumir con fondos propios entre os meses de abril e decembro o 100% do custo das súas rendas, de tal xeito que estes inquilinos non terán que volver a pagar ningunha cantidade en concepto de vivenda ata xaneiro de 2021.

A maiores, outras 3.500 familias que residen en vivendas de protección pública propiedade da Xunta tiveron tamén a opción de adiar o pago dos seus recibos de alugueiro durante o período abril-setembro. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre