Inicio Galicia Medio Ambiente publica no DOG a norma que regula os sorteos de...

Medio Ambiente publica no DOG a norma que regula os sorteos de permisos de pesca fluvial para a tempada de pesca de 2021

0

As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes a partir de mañá e o prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 27 de outubro ao mediodía

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, pola que se fixan as normas dos sorteos e da venda de permisos de pesca en coutos galegos para a tempada 2021.

Como en anos anteriores, realizaranse dous sorteos por provincia: un para os permisos de coutos de salmón e outro para os restantes tipos de permisos, entre os que se inclúen os de troita, de reo, de pesca intensiva e aqueles de pesca sen morte non incluídos no sorteo anterior. A data prevista para a realización do sorteo é o 27 de novembro.

As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes a partir de mañá, e o prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 27 de outubro ás 14.00 horas. Deste xeito, o 4 de novembro publicaranse as listas provisionais coas persoas excluídas e admitidas no proceso e o 19 dese mesmo mes sairán as definitivas.

As solicitudes deberanse presentar preferentemente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta. De forma opcional, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel nos rexistros das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na Lei 39/2015 de procedemento administrativo utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Os resultados dos sorteos poderán consultarse na web pescafluvial.xunta.gal e nas oficinas dos servizos provinciais de Patrimonio Natural. Do mesmo xeito, cada solicitante deberá comprobar na citada páxina o día e o rango horario no que lle corresponderá elixir os permisos.

Na fase de escolla de permisos, os interesados poderán optar a participar empregando a vía telemática ou ben mediante unha chamada aos teléfonos que lles serán indicados durante o procedemento.

No prazo de cinco días naturais, contados desde a data da escolla, os permisos seleccionados deberán ser pagados nunha entidade bancaria ou telematicamente. Nos casos nos que non se retiren os permisos, poderase xustificar o seu pago mediante o envío por correo electrónico da copia para a Administración do impreso de liquidación debidamente formalizado.

Aquelas persoas que no prazo fixado non realicen o pago dos permisos reservados en tempo e forma, entenderase que renuncian á súa participación na fase de escolla de permisos e non poderán adquirir novos permisos na aplicación informática durante o resto da tempada de pesca, agás circunstancias de forza maior documentalmente acreditadas. No caso de realizar o pagamento dos permisos reservados fóra do prazo establecido, habilitarase o acceso á aplicación informática na fase de venda libre.

Nas oficinas dos servizos provinciais da Dirección Xeral de Patrimonio Natural manteranse os servizos de información e expedición de permisos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre