Inicio Galicia Medio Ambiente propón a identificación das zonas con maior presenza de xabaril...

Medio Ambiente propón a identificación das zonas con maior presenza de xabaril para a realización dun estudo piloto

0

A directora xeral de Patrimonio Natural presidiu esta mañá a reunión do grupo de traballo para a xestión do xabaril


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de propoñer esta mañá a identificación de zonas con maior presenza de xabaril para a realización dun estudo piloto que permita definir novas medidas que garantan o control poboacional. A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, presidiu esta mañá a reunión do grupo de traballo para a xestión do xabaril, no que están representados varios departamentos da Xunta, a Garda Civil, a Federación Galega de Caza, Dirección Xeral de Tráfico, Seprona, así como os representantes dos sindicatos agrarios.

A directora xeral trasladou que para a identificación de ditas zonas é necesario facer unha recopilación completa de determinados datos, como poden ser os accidentes viarios rexistrados, os danos inventariados nos diferentes cultivos, os avisos e avistamentos que se trasladan oficialmente sobre a presenza deste animal silvestre, así como os datos de capturas dos que se dispón oficialemente nestas zonas. Este intercambio e análise de datos ofrecerá información máis veraz e obxectiva sobre o comportamento do animal ou as súas zonas de encame; referencias que se empregarán para o establecemento de novas medidas ou para a revisión daquelas que non demostraron a súa efectividade.

De feito, na transcurso da reunión ofrecéronse datos de sinistralidade viaria con implicación de presencia de animais, e os mesmos apuntan a que un 50% dos accidentes foron provocados por un xabaril.

Recordou que a Xunta autoriza batidas desta especie fóra dos períodos hábiles establecidos como medida de control por danos da poboación de xabaril; e que en ningún caso estas medidas de control poñen en perigo ou supoñen unha ameaza para o seu futuro. Engadiu que as batidas autorizadas aos tecores responden sempre a solicitudes previas formuladas por particulares ou institucións tras constatar danos provocados pola presencia deste animal salvaxe en determinadas zonas.

Belén do Campo agradeceu o traballo que se ten realizado no seo deste grupo de traballo, que hoxe presidiu por primeira vez, e invitou aos asistentes a trasladar nos vindeiros días as súas propostas de xestión sobre o traballo a realizar, así como aqueles avances que se poden dar para paliar ou reducir os danos que provoca dita especie e seguir a traballar por manter o excelente estatus sanitario da cabana gandeira galega. Nese sentido, durante a reunión falouse da importancia de controlar e manter a poboación do xabaril nuns niveis tales que permitan garantir a viabilidade económica das explotacións agrarias, tanto a nivel económico como sanitario. 

No hay comentarios