Inicio Galicia Medio Ambiente promove un proxecto pioneiro de compostaxe escolar para impulsar a...

Medio Ambiente promove un proxecto pioneiro de compostaxe escolar para impulsar a recollida separada da fracción orgánica

0

A convocatoria para participar está aberta a centros públicos de educación primaria de Galicia, que non teñan experiencia previa en programas de compostaxe, conten con servizo de comedor e dispoñan de horto escolar

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda porá en marcha o vindeiro curso un proxecto pioneiro en Galicia de compostaxe escolar no que participarán de forma piloto 20 centros públicos de primaria. Cada colexio recibirá os medios materiais necesarios para a instalación dunha zona para facer compost, así como a formación precisa para a súa posta en marcha e seguimento.

Ademais de ensinar ao persoal de cociña e ao profesorado para que poidan dirixir e supervisar as actividades a desenvolver durante o primeiro trimestre do vindeiro curso, o proxecto incluirá a realización de obradoiros sobre compostaxe e reciclaxe para o alumnado, así como a entrega dunha unidade didáctica sobre esta mesma temática.

Esta nova iniciativa da Consellería de Medio Ambiente, que segue as directrices do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2022, enmárcase no impulso que lle está a dar a distintas actuacións para a mellora da xestión dos residuos urbanos en xeral, e concretamente dos chamados biorresiduos –é dicir, a fracción orgánica biodegradable do lixo-, de cara a transformar o sistema actual nun modelo máis sostible e circular.

Deste xeito, buscarase a implicación e a colaboración dos centros escolares, que poden xogar un papel fundamental polo seu carácter educativo e pola posición de referencia que ocupan na comunidade á que pertencen.

A convocatoria lanzada pola Consellería está aberta a todos os centros públicos de ensino de Galicia que cumpran cos seguintes requisitos: impartir educación primaria durante o vindeiro curso 2019/2020, dispor de servizo de comedor escolar, contar con espazo verde para a instalación do composteiro, ter en funcionamento un horto escolar, non ter experiencia previa en programas de compostaxe escolar, e estar disposto a designar persoal responsable para a posta en marcha e seguimento do composteiro instalado no centro.

Os colexios que reúnan estas condicións poden formalizar a súa inscrición a través do formulario, que xa lles remitiu por correo electrónico a semana pasada. O prazo de inscrición está aberto ata o 30 de xuño e agárdase que os 20 centros escollidos para participar nesta experiencia piloto –que serán elixidos por orde de inscrición e en función duns criterios básicos de participación- poidan ter en funcionamento as súas respectivas zonas de compostaxe en outubro deste mesmo ano.

Coa posta en marcha desta iniciativa, a Xunta de Galicia pretende achegar a compostaxe aos centros de ensino, mellorar a xestión dos residuos orgánicos xerados nos comedores escolares e reforzar as condutas de protección e respecto do medio ambiente do alumnado. Estes obxectivos específicos insírense dentro de outros dous máis globais: avanzar na descentralización da xestión dos residuos orgánicos en Galicia e servir de exemplo para a implantación de iniciativas semellantes en todo o territorio galego.

Para cumprir con eles, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ten previsto desenvolver nos próximos meses varios proxectos dirixidos á implantación de diferentes alternativas de xestión dos residuos orgánicos nos concellos galegos, que implicarán tanto á cidadanía como aos grandes produtores.

Todos eles forman parte das actuacións de promoción e apoio ao uso de compost coas que o departamento autonómico dotará ás entidades locais galegas de ferramentas que lles permitan avanzar no cumprimento dos obxectivos de preparación para a reutilización e reciclaxe establecidos na recente modificación da Directiva Marco de Residuos.

De acordo con esta modificación, ao obxectivo de reciclar o 50% dos residuos xerados en 2020, sumaranse outros novos, como que a cantidade de residuos reciclados deberá ser do 55% no ano 2025, do 60% de aquí a 20230 e do 65% en 2035. Ademais, nesta modificación da Directiva Marco de Residuos, obrígase tamén aos Estados membros a implantar a recollida separada da fracción orgánica dos residuos –unha competencia municipal- antes do 31 de decembro do ano 2023.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre