Inicio Galicia Medio Ambiente promove en Sálvora o primeiro hotel de insectos do Parque...

Medio Ambiente promove en Sálvora o primeiro hotel de insectos do Parque Nacional co fin de preservar os seus ecosistemas

0

A conselleira Ángeles Vázquez visitou esta mañá a illa para coñecer de primeira man esta iniciativa pioneira, impulsada en colaboración coa asociación Amicos

O Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia xa conta co seu primeiro hotel de insectos, unha iniciativa novidosa de sensibilización ambiental que pretende facilitar un habitáculo e lugar de cría e hibernación para este tipo de organismos. O hotel foi inaugurado oficialmente esta mañá en Sálvora pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen explicou que a intención é estender este proxecto ao resto do parque, de tal forma que cada arquipélago poida contar a medio prazo cunha instalación deste tipo.

A iniciativa, como explicou a responsable autonómica de Medio Ambiente, foi promovida polo Parque Nacional das Illas Atlánticas en colaboración coa asociación Amicos, unha entidade de referencia na comarca do Barbanza polo seu traballo a prol da integración das persoas con discapacidade e que foi a encargada de construír catro hoteis de insectos. En canto ás estruturas, están feitas a partir de materiais naturais propios da illa (como piñas ou restos de madeira), ladrillos perforados, así como refugallos e anacos de antigas tellas que os voluntarios de Amicos reciclaron para darlles unha nova utilidade.

A instalación deste tipo de hotel servirá para darlle acubillo aos insectos presentes en Sálvora, como as abellas silvestres, as avespas escavadoras, as tixeretas e outros insectos raros e vulnerables propios desta illa, que terán deste xeito un lugar adaptado para preservar a súa existencia e a dos seus ecosistemas.

Pero ademais estes habitáculos tamén cumprirán un importante labor de educación ambiental, xa que como expuxo a conselleira, axudarán a divulgar e dar a coñecer a importancia que teñen este tipo de organismos para garantir a conservación da biodiversidade do parque nacional, como pezas claves e esenciais á hora de manter o equilibrio ecolóxico deste espazo. Para poder acadar este dobre obxectivo, Ángeles Vázquez explicou que estas construcións se localizarán en puntos soleados e protexidos da illa, buscando a calor necesaria para as crías dos insectos pero tamén resgardadas do vento e da chuvia; que estean preto de áreas con plantas silvestres e arbustos para garantirlles un fácil acceso a alimentos; e con boas condicións para favorecer a súa nidificación.

Colaboración con AmicosA conselleira tamén aproveitou a presentación do primeiro hotel de insectos do Parque Nacional para facer un percorrido por Sálvora e coñecer o resultado dos 150.000 euros mobilizados recentemente polo seu departamento en distintos investimentos nesta illa. Concretamente, referiuse á reparación e mantemento de dous hórreos, á restauración da fonte de Santa Catalina ou aos traballos para a eliminación de especies invasoras e desbroce de camiños que está a realizar Amicos.

Neste sentido, lembrou que o Parque Nacional e a entidade social do Barbanza levan colaborando en diferentes iniciativas relacionadas con este espazo natural desde hai máis dunha década, sempre co denominador común da conservación do patrimonio natural e cultural das illas. Un traballo que a conselleira puxo en valor e co que espera poder contar nos próximos anos.

Nova Lei de Patrimonio NaturalPor outra banda, a titular de Medio Ambiente aproveitou a visita para referirse á aprobación a semana pasada no Parlamento da Lei de Patrimonio Natural de Galicia, un texto que substituirá a unha norma con 18 anos de vixencia e que previsiblemente entrará en vigor a finais deste verán.

Neste sentido, Vázquez Mejuto lembrou que entre os obxectivos prioritarios desta normativa figura a aposta pola educación e a sensibilización ambiental, un dos fins precisamente da iniciativa de hoteis para insectos que foi presentada esta mañá na illa de Sálvora.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre