Inicio Galicia Medio Ambiente presenta unhas contas de case 330 M? coas que consolidar...

Medio Ambiente presenta unhas contas de case 330 M? coas que consolidar a súa aposta polos desafíos en materia de vivenda e cumprir os obxectivos de Europa sobre a xestión dos residuos

0

O orzamento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que se incrementa nun 9% respecto de 2019, tamén aposta pola protección da riqueza natural e a ordenación do territorio, “a alma verde e azul de Galicia”


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentou esta mañá as contas do departamento que dirixe, dotadas de case 330 millóns de euros, coas que consolidar a aposta do Goberno galego polos desafíos en materia de vivendas e cos que cumprir os obxectivos fixados por Europa sobre a xestión dos residuos.

A conselleira compareceu esta mañá na Comisión 3ª de Economía, onde destacou que as contas de 2020 increméntanse nun 8,85% ao pasar dos 300,7 millóns de euros aos 327,32 para o vindeiro ano, e que permitirán tamén traballar noutros piares fundamentais como: a protección da riqueza natural e a ordenación do territorio, pois se aposta por un urbanismo responsable e por unha axeitada política de solo industrial e residencial nas zonas nas que hai demanda e se necesita. Trátase de coidar e protexer a “alma verde de azul de Galicia”, para facilitar unha contorna e un medio coidado e ordenado ás persoas que viven na Comunidade galega ou que elixen Galicia para levar a cabo un proxecto de vida.

A conselleira sinalou que hoxe ninguén pon en dúbida a necesidade de avanzar cara un modelo máis eficiente da xestión dos residuos e convertelos nunha oportunidade. Para camiñar neste reto, a sociedade galega conta coa Estratexia de Cambio Climático e Enerxía, que se verá complementada coa Estratexia de Economía Circular, que se aprobará este mesmo ano, e coa Lei de residuos e solos contaminados, que prevé aprobar en 2020.

Neste mesmo ámbito, as contas de 2020 recollen unha partida de 2,6 millóns de euros para mellorar a xestión dos residuos urbanos, unha cifra histórica na Comunidade, xa que nunca se destinaron tantos fondos a esta colaboración cos concellos; e aos que se suman 1,5 millóns para a recuperación de espazos naturais degradados por vertidos incontrolados.

Vázquez Mejuto avanzou que no ano 2020 se iniciarán os trámites de tres novas plantas públicas para o tratamento de biorresiduos domésticos, ás que se reservan 5 millóns de euros. Estas tres plantas permitirán dispor dun centro destas características en cada provincia galega, pois se sumarán ao traballo que xa pode desenvolver a instalación de compostaxe de Sogama en Cerceda. O sector empresarial tamén contará con axudas, 700.000 euros, para mellorar as súas instalacións co fin de que poidan tratar biorresiduos de orixe doméstica.

Reiterou que non se pode baixar a garda para acadar o vertido técnico cero en 2020, dando cumprimento con 15 anos de antelación as esixencias de Europa en materia de vertido. Engadiu que este obxectivo se acada grazas á implicación dos galegos que cada vez separan e reciclan máis, e este esforzo tamén se verá reflectido o vindeiro ano na factura do lixo, pois por segundo ano consecutivo se mantén a rebaixa do canon nun 10%.

Explicou que mellorar a xestión dos residuos é un aspecto positivo para mellorar a loita contra o cambio climático, unha tarefa na que hai que avanzar para superar os obxectivos europeos para o ano 2030. A Xunta aposta polo Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía para coordinar e xestionar as iniciativas, cunha partida de 800.000 euros, case tres veces máis do orzamento destinado en 2019, para fomentar accións neste eido e incrementar o número de concellos que están adheridos, que na actualidade acada os 150.

Pulo definitivo á rehabilitaciónA aposta da Xunta pola recuperación do xa construído, que este ano recibiu un pulo importante coa entrada en vigor en maio da Lei de Rehabilitación, terá continuidade e consolidarase nas contas da Consellería de 2020, ao igual que o resto de partidas en materia de vivenda e solo empresarial. De feito, os case 118 millóns de euros que suman os orzamentos do IGVS -83,95 millóns-, da empresa pública Xestur -outros 32,37 millóns-, e do Consorcio Casco Vello de Vigo -cunha asignación de 1,64 millóns- supoñen unha das partidas máis importantes que manexará o departamento autonómico o vindeiro exercicio.

En total, mobilizaranse 39 millóns de euros para fomentar a rehabilitación de vivendas en Galicia, dos que seis correspóndense co Fondo de Cooperación local, que pon o IGVS a disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes para conceder préstamos sen xuros para actuacións de rehabilitación; mentres que os 33 millóns restantes destinaranse a axudas e a financiar intervencións a executar directamente pola Xunta.

Dous capítulos sobresaen neste apartado, tanto pola contía asignada como polo incremento que experimentan respecto dos orzamentos do ano anterior. Trátase, por un lado, do Programa Rexurbe, que no seu terceiro ano operativo contará con 8,2 millóns para mercar ou rehabilitar inmobles deteriorados e en estado de abandono nos cascos históricos de 11 concellos galegos, unha partida que crece case un 11% respecto á do ano pasado.

Outro programa de éxito, o de rehabilitación de vivendas de mestres e outros oficios, recibirá tamén un pulo importante, cun incremento orzamentario do 48,75%. Os 2,38 millóns cos que contará esta liña de axudas, explicou Ángeles Vázquez, permitirán aos concellos rehabilitar inmobles de titularidade municipal para alugueiro social ou paliar situacións de emerxencia.

Tamén haberá 6,5 millóns para as Áreas de Rehabilitación Integral –destinados a financiar actuacións de rehabilitación de vivendas e edificios, así como actuacións de urbanización e reurbanización dentro destes ámbitos- e outros 8,5 para axudas a particulares para acometer distintos tipos de actuacións nas súas vivendas: para tarefas de conservación, mellora da eficiencia enerxética e accesibilidade, a través dos programas Rehaluga e de Infravivenda, ou coa subsidiación de préstamos para a rehabilitación.

Por último, avanzou que 2020 será o ano no que verá a luz a primeira Área Rexurbe, un instrumento creado pola Lei de Rehabilitación para captar axudas públicas orientadas a obras de rehabilitación naqueles ámbitos urbanos especialmente degradados e que precisan dunha rápida intervención, tanto no plano edificatorio como social, ambiental e económico. O Concello de Mondoñedo, como lembrou a conselleira, foi o primeiro en solicitar unha Área Rexurbe e estase a traballar na súa declaración co fin de poñela en marcha o ano próximo.

Nova construción VPPNo apartado de vivenda protexida, mobilizaranse 4,9 millóns de euros para a rehabilitación de vivendas de promoción pública (VPP) a través de actuacións directas do IGVS, e da concesión de axudas a comunidades de propietarios deste tipo de inmobles. Pero tamén se apostará pola nova construción para facilitar o acceso á vivenda naquelas zonas con maior demanda e prestando unha atención especial aos colectivos máis necesitados. Así, 10,7 millóns dedicaranse á construción de vivenda protexida de promoción pública, un 40,79% máis que en 2019, e 16,69 millóns a axudas para facilitar o acceso a vivenda en réxime de alugueiro á poboación en xeral e axudas para compra dirixidas a menores de 35 anos.

As novidades neste capítulo, en todo caso, non virán só en forma de obras directas. A conselleira explicou que se sacará á venda o solo residencial que ten dispoñible a Xunta nestes momentos para poñer no mercado parcelas urbanizadas e facilitar así a construción de novas vivendas protexidas nas grandes cidades por parte de promotores privados.

Así mesmo, lembrou que 2020 traerá importantes incentivos fiscais en materia de vivenda. Neste sentido, referiuse á novidosa dedución verde no IRPF, que permitirá bonificar o 15% das actuacións que se realicen nos fogares co fin de mellorar a súa eficiencia enerxética, como cambios de fiestras ou melloras en tellados e fachadas, cun límite de ata 1.350 euros.

Na mesma liña, tamén se referiu á nova rebaixa no Imposto de Transmisións Patrimoniais, que se reduce do 7% ao 5% para as operacións de compra de vivenda habitual naquelas parroquias galegas consideradas rurais, e do 10% ao 6% no caso de que se trate dunha segunda vivenda. O obxectivo é fixar poboación no rural e dinamizar estas zonas.

Axudas a microparques e principais actuacións en solo empresarialCinco anos despois do inicio das bonificacións sobre o prezo de venda en parcelas industriais do IGVS e de Xestur, a conselleira anunciou a posta en marcha dunha nova liña de axudas destinadas á promoción de microparques empresariais de titularidade municipal. Vázquez Mejuto explicou que en 2020 se poñerá a andar esta medida co financiamento dos primeiros traballos técnicos e a planificación necesaria para poder, nos anos seguintes, dotar das súas propias microáreas empresariais aos concellos que se amosen interesados.

Por último, en 2020 daráselle un pulo definitivo aos proxectos estratéxicos da Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan) e de Morás, cun investimento conxunto de 18,3 millóns que permitirá rematar a urbanización das primeiras fases de ambos parques e comezar a implantación empresarial. Así, por un lado mobilizaranse 15,7 millóns para poder continuar coas obras xa en execución no polígono de Morás, en Arteixo, e iniciar a urbanización no interior deste ámbito. E por outro, investiranse 2,6 millóns na Plisan.6,5 millóns para actuacións urbanísticas en concellosO fomento dun urbanismo responsable foi unha das constantes que marcaron o traballo da Xunta de Galicia na última década. Así o salientou Ángeles Vázquez á hora de presentar os orzamentos que destinará o seu departamento o ano que vén a continuar pola mesma senda nas súas políticas urbanísticas e de ordenación do territorio.

Tras lembrar que son xa 104 os concellos cun planeamento propio, adaptado e acorde á lexislación vixente, a conselleira indicou que a Xunta aspira a que a cifra siga medrando e por iso, en 2020 destinaranse 3,2 millóns a axudar aos concellos a redactar os seus plans xerais e especiais, consolidando así o crecemento que experimentou esta partida desde 2014. “O noso seguinte reto serán os Plans Básicos Municipais para municipios de menos de 5.000 habitantes”, adiantou a conselleira, precisando que as contas reservan tamén 840.000 euros para os estudos de planeamento que permitirán iniciar os primeiros PBM.

Así mesmo, o departamento autonómico manterá os seus programas e liñas de colaboración con entidades locais para actuacións urbanísticas, como poden ser a mellora das contornas urbanas e dos equipamentos municipais, un capítulo para o que reserva 6,5 millóns de euros. Neste sentido, unha das grandes actuacións previstas pola Xunta en 2020 para mellorar as dotacións públicas será tamén o impulso definitivo da ETEA de Vigo.

A riqueza natural, terceiro piarO terceiro piar das áreas de actuación dos orzamentos da Consellería para o ano 2020 é a protección e posta en valor da riqueza natural de Galicia. Así o dixo Ángeles Vázquez, quen considerou que se trata dun “obxectivo irrenunciable” para a Xunta, como queda reflectido nas contas que destinará o seu departamento a este capítulo o ano que vén.

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de feito, é o departamento que experimenta o maior incremento orzamentario, xa que disporá en 2020 dun total de 35,12 millóns de euros, é dicir, case un 9% máis que no exercicio anterior. “Apostaremos pola Galicia verde e azul, avanzando nos trámites necesarios para lograr que o 42% do territorio galego estea amparado baixo algún tipo de figura de protección”, proclamou a conselleira.

Para levar a cabo este obxectivo, explicou, seguirá apostando polas Reservas da Biosfera, como modelo de integración entre a actividade humana e a natureza e co obxectivo de que a Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel se convertan no sétimo espazo galego en obter este recoñecemento da Unesco. Nesta liña, convocarase de novo a liña de axudas para actuacións que se desenvolvan nestas áreas protexidas, cunha partida de 600.000 euros. Un investimento ao que en 2020 se sumarán aos preto de 5,3 millóns para a conservación e o desenvolvemento sostible da Rede de Espazos Protexidos, con axudas e actuacións nos Parques Naturais, no Parque Nacional e en ámbitos da Rede Natura.

En resposta á problemática social crecente causada polo xabaril, a conselleira fixo fincapé nos preto de 3 millóns que se reservarán en 2020 ás axudas para paliar e prever os danos da fauna salvaxe, duplicando a partida de 2019. E tamén subliñou a recuperación de dúas liñas que levaban varios anos sen convocarse: unha dirixida a entidades colaboradoras de pesca para apoiar e reforzar a vixilancia nos ríos, dotada con 125.000 euros, e outra para a conservación de exemplares do Catálogo de Árbores Senlleiras, con 75.000 euros.

Novidades lexislativasO ano 2020 tamén virá marcado por importantes novidades lexislativas en cada unha das tres grandes áreas de actuación da Consellería de Medio Ambiente. Deste xeito, en materia de urbanismo prevese a aprobación da nova Lei de Ordenación Territorial; no eido de patrimonio natural tamén se espera que saia adiante a Lei de Pesca Continental; e o terceiro texto que se remitirá ao Parlamento para aprobación será a Lei de Residuos e Solos Contaminados, que suporá para Galicia un gran avance en materia ambiental.

Finalmente, a protección paisaxística dará un salto cualitativo o vindeiro ano desde o punto de vista normativo, coa aprobación do Regulamento da Lei da Paisaxe, da Estratexia da Paisaxe Galega e das Directrices da Paisaxe, en información pública desde o 3 de outubro.

Tamén neste eido, enmárcase o ambicioso Plan Estratéxico da Ribeira Sacra, unha zona de indubidable valor paisaxístico e natural na que a Consellería investirá 3,5 millóns cun paquete de 10 actuacións nas que se implicarán todos os seus departamentos. Así, ademais de asinar o segundo Pacto pola Paisaxe de Galicia para protexer e ordenar o aproveitamento deste espazo, a conselleira avanzou que en 2020 crearase a ARI da Ribeira Sacra, a terceira xestionada polo IGVS xunto á dos Camiños e á das Illas Atlánticas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre