Inicio Galicia Medio Ambiente ofrece aos concellos 4.670 colectores para fomentar a implantación da...

Medio Ambiente ofrece aos concellos 4.670 colectores para fomentar a implantación da recollida selectiva de biorresiduos

0

A norma estatal imporá como obrigatoria a partir de 2020 a recollida separada de materia orgánica procedente dos residuos domésticos, que se levarán a plantas autorizadas para o seu tratamento ou a instalacións industriais con liñas separadas

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pon a disposición das entidades locais de Galicia un total de 4.670 contedores específicos para avanzar na implantación da recollida selectiva da fracción orgánica dos residuos municipais.

Con esta iniciativa a Xunta busca acadar os máis altos niveis de reciclaxe dos desperdicios domésticos e avanzar cara a un modelo de xestión de residuos máis eficiente e na liña marcada pola chamada economía circular, que avoga por darlle unha nova vida aos residuos converténdoos en recursos antes da súa reincorporación ao ciclo produtivo.

Os concellos que estean interesados en facerse con algún dos contedores deseñados especificamente para a recollida de biorresiduos teñen ata o 30 de outubro para presentar as súas solicitudes. E unha vez reciban os contedores, disporán aínda de dous anos para poder implantar de forma progresiva o novo sistema de separación da fracción orgánica.

Este proxecto, no cal a Consellería de Medio Ambiente investirá un total de 460.000 euros, supón unha oportunidade única de colaboración para todas aquelas entidades locais onde non se estea levando a cabo esta recollida diferenciada dos biorresiduos, xa que con el se pretende contribuír a acadar un 50% de valorización da materia orgánica no ano 2020, de conformidade cos obxectivos impostos pola Unión Europea.

Ademais, cómpre lembrar que para dar cumprimento ao establecido na Directiva de residuos, o Estado Español propuxo unha modificación da lei de residuos na que se obriga tamén á recollida separada da fracción orgánica de residuos domésticos a partir do 31 de decembro de 2020 para os concellos de máis de 5.000 habitantes, e antes do 31 de decembro de 2023 para o resto dos casos.

Con esta iniciativa, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pretende que Galicia se instale definitivamente na senda da sustentabilidade e nun modelo de economía circular onde os residuos convértense en recursos, pechando os ciclos dos produtos e materiais de uso diario.

Características dos contedores e solicitudesA través do chamado quinto contedor, as entidades locais solicitantes poderán implantar a recollida selectiva da fracción orgánica dos residuos domésticos, ou ampliar as recollidas existentes, reducindo a cantidade de materia orgánica que vai a parar á bolsa negra, así como tamén mellorar a porcentaxe de impropios nas recollidas actuais.

Os 4.670 contedores dispostos para articular estas novas recollidas terán unha capacidade de 240 litros, contarán cunha tapa que garantirá o seu peche hermético e cun sistema de apertura mediante chave que busca impedir que se poidan depositar, por erro ou neglixencia, calquera outro tipo de desperdicios distintos dos biorresiduos, evitando así a contaminación desta fracción.

Para solicitalos, os concellos deben presentar ante a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático a través da sede electrónica da Xunta un compromiso no que fagan constar a súa disposición a implantar a recollida separada da fracción orgánica nun prazo non superior aos dous anos desde a entrega dos contedores. Durante este período deberase establecer un acordo coa planta de tratamento de biorresiduos de orixe doméstica ou cunha planta industrial que dispoña dunha liña separada para o tratamento dos mesmos.

A convocatoria para acollerse a esta medida seguirá aberta ata o vindeiro 30 de outubro e toda a información sobre a mesma e os pasos a seguir poden consultarse a través da web do SIRGA así como na páxina da FEGAMP.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre