Inicio Galicia Medio Ambiente licitará antes do verán as obras de humanización nas rúas...

Medio Ambiente licitará antes do verán as obras de humanización nas rúas Travesía Estrada de Entoma e Francisco Neira no concello de Carballeda de Valdeorras

0

Trátase da primeira actuación que se leva a cabo neste municipio a cargo do Plan hUrbe, posto en marcha polo Goberno galego para acadar unhas vilas accesibles, habitables e que ofrezan calidade de vida aos seus veciños

A Xunta de Galicia licitará antes do verán as obras de humanización en varias rúas do Concello de Carballeda de Valdeorras. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa desta localidade, María del Carmen González Quintela, asinaron esta mañá o convenio de colaboración polo que se regulará a execución desta actuación, e que prevé un investimento de case 140.000 euros, dos que a Xunta achega un 70%; mentres que o Concello achegará a parte restante.

A actuación é a primeira colaboración dentro do Plan hUrbe que se leva a cabo co Concello de Carballeda de Valdeorras e pretende mellorar o estado actual nas rúas Travesía Estrada de Entoma e Francisco Neira na parroquia de Sobradelo, concretamente na contorna da estación de ferrocarril.

Así, os traballos consistirán na mellora da accesibilidade desde o estribo dereito da ponte do ferrocarril ata o edificio da estación, na que teñen parada os trens que van a León e Madrid, e da zona da farmacia e rampa curva, dando acceso á rúa en pendente e dotándoa dun paso de peóns; e na dotación dunha nova beirarrúa máis ampla, incluíndo unha entrada á praza colindante co edificio de Renfe e tres pasos de peóns. Tamén se acondicionará a travesía Francisco Neira cun novo pavimento, instalación dunha varanda, e colocación de xardiñeiras e bancos-cadeira.Ángeles Vázquez destacou que esta actuación se executa a cargo do Plan hUrbe 2019-2020, que ten por obxectivos principais conseguir unhas vilas accesibles, habitables e que ofrezan calidade de vida aos seus veciños. Nese sentido, destacou que este tipo de axudas ou colaboracións son motores de dinamización social e económica cun importante número de servizos públicos que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.

Engadiu que esta liña de actuación pretende avanzar cara a un urbanismo responsable e sostible e avogar pola recuperación e posta en valor das vilas e cidades galegas, así como patrimonio.

Por último, recordou que no período 2010-2018 se executaron 200 actuacións ao abeiro do Plan hUrbe, que beneficiaron a un total de 125 concellos: 33 na provincia da Coruña, 24 en Lugo, 43 en Ourense e 25 en Pontevedra.

No caso concreto da provincia de Ourense, o investimento realizado a través do Plan hUrbe ascendeu a máis de 12 millóns de euros, unha cifra que permitiu financiar ata o momento un total de 79 actuacións.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre