Inicio Galicia Medio Ambiente licitará antes do verán as obras de humanización da rúa...

Medio Ambiente licitará antes do verán as obras de humanización da rúa A Pantalla de Cesantes en Redondela

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o rexedor municipal asinaron o convenio de colaboración polo que se executará esta actuación, que implica un orzamento de case 200.000 euros


A Xunta de Galicia licitará antes do verán as obras de humanización da rúa A Pantalla de Cesantes no Concello de Redondela, unha actuación coa que se mellorará a seguridade dos peóns e se renovarán os servizos presentes nesta rúa.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Redondela, Javier Bas, asinaron esta mañá o convenio de colaboración polo que se regulará a execución desta actuación, e que prevé un investimento de case 200.000 euros, dos que a Xunta achega un 70%; mentres que o Concello achegará a parte restante.Ángeles Vázquez recordou que esta actuación se executa a cargo do Plan hUrbe 2019-2020, que ten por obxectivos principais conseguir unhas vilas accesibles, habitables e que ofrezan calidade de vida aos seus veciños. Nese sentido, destacou que este tipo de axudas ou colaboracións son motores de dinamización social e económica cun importante número de servizos públicos que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.

Indicou que neste caso concreto de Redondela, os traballos consistirán na reordenación priorizando aos viandantes, polo que se executarán pasos de peóns sobreelevados con aglomerado asfáltico e con remates de lousa de botóns na zona da beirarrúa para incrementar a seguridade dos mesmos á hora de cruzar a vía.

Tamén se mellorará o firme na calzada e as bandas de aparcadoiro e se pavimentarán as beirarrúas con formigón armado. Os traballos rematarán coa renovación da rede de recollida de augas pluviais. Explicou que a obra será contratada pola Consellería e terán un prazo de execución de tres meses.Ángeles Vázquez lembrou que esta actuación non é a primeira do Plan hUrbe que se executa en Redondela, xa que o Goberno galego colaborou na humanización do contorno do pavillón polideportivo da Marisma e a rehabilitación da Avenida de Mendiño cunha achega de máis de 160.000 euros.

Por último, engadiu que esta liña de actuación pretende avanzar cara a un urbanismo responsable e sostible e avogar pola recuperación e posta en valor das vilas e cidades galegas, así como patrimonio.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre