Inicio Galicia Medio Ambiente inviste máis de 110.000 euros no acondicionamento de varias rúas...

Medio Ambiente inviste máis de 110.000 euros no acondicionamento de varias rúas do concello ourensán de Maceda

0

A delegada territorial, Marisol Díaz, supervisou as obras executadas nas rúas da Pena, Cruz, Perigo e travesía do Buratiño


Maceda (Ourense), 4 de outubro de 2018.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de rematar as obras de acondicionamento das rúas da Pena, Cruz, Perigo e travesía do Buratiño, no concello ourensán de Maceda. A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, supervisou esta mañá os traballos executados acompañada do alcalde da localidade, Rubén Quintas, e da xefa territorial do departamento autonómico, Victoria Núñez.

Os traballos foron realizados ao abeiro dun convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Medio Ambiente e o Concello de Maceda por un importe de máis de 111.000 euros.

Díaz Mouteira afirmou que a Xunta traballa “polo desenvolvemento das vilas e dos núcleos de poboación con criterios de sustentabilidade económica, ambiental e social, para ofrecer unha oferta de calidade e adecuada ás necesidades da poboación co fin de incrementar o atractivo das áreas rurais”.

Así, as obras executadas consistiron na mellora da pavimentación das catro rúas, amais da recollida das augas pluviais nunha delas, concretamente na rúa da Pena, xa que ata agora as baixantes das vivendas vertían directamente á rúa.

A delegada territorial destacou a colaboración institucional nas actuacións deste tipo e sinalou que con estes convenios a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pretende fomentar un adecuado desenvolvemento urbanístico das vilas, con actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciando as infraestruturas, servizos e equipamentos e, en definitiva, mellorando o benestar e a calidade de vida da súa poboación. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre