Inicio Galicia Medio Ambiente inviste case 50.000 euros en obras de acondicionamento e...

Medio Ambiente inviste case 50.000 euros en obras de acondicionamento e humanización de dúas rúas do concello ourensán de Larouco

0

A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, supervisou os traballos executados grazas a un convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, achegouse a Larouco para supervisar a actuación de humanización de dúas rúas no municipio, no marco do chamado Plan hUrbe da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. En concreto, o proxecto ten por obxecto a mellora do viario Bienvenido Arias e da rúa da Cooperativa, na capitalidade do municipio.

Esta actuación executouse en virtude dun convenio de colaboración entre o departamento autonómico dirixido por Ánxeles Vázquez e a Administración local que establece que a Xunta inviste 47.000 euros -o 70% do custo total das obras- mentres que o 30% restante -18.000 euros- corre a cargo do propio concello.

Os traballos consistiron na mellora e arranxo do asfaltado de ambas as dúas rúas, nova sinalización horizontal, como as marcas viarias e os pasos de peóns, e a instalación de mobiliario urbano, fundamentalmente bancos con soporte de aceiro e respaldo de madeira. En total, a intervención realizouse ao longo de 500 metros das dúas rúas.

Díaz Mouteira, destacou que esta actuación se enmarca dentro dos obxectivos do Plan hUrbe -programa posto en marcha polo Goberno galego en 2010- que ten entre os seus obxectivos estreitar lazos e colaboracións entre as administracións, fomentar a humanización das vilas de Galicia e promover o reequilibrio territorial na comunidade. Uns retos que se teñen alcanzado grazas ás 200 actuacións postas en marcha no período 2010-2018, que beneficiaron a 125 concellos galegos, case un 40% dos municipios de Galicia. Díaz Mouteira subliñou que o investimento realizado na provincia ourensá a través do hUrbe nos últimos 8 anos ascende a máis de 12 millóns de euros, que permitiu financiar un total de 79 actuacións.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre