Inicio Galicia Medio Ambiente investirá máis de 35.000 euros en humanizar a rúa do...

Medio Ambiente investirá máis de 35.000 euros en humanizar a rúa do Regueiro en A Cañiza e mellorar a seguridade para os peóns

0

A conselleira Ángeles Vázquez asinou un convenio de colaboración co alcalde mediante o cal ambas administracións comprométense a financiar a obra, que previsiblemente rematará antes do verán e terá un custo de máis de 50.000 euros


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará co Concello da Cañiza, en Pontevedra, para levar a cabo unha intervención integral de humanización e mellora da seguridade viaria na rúa do Regueiro. Así o comprometeu a titular de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, quen asinou esta tarde un convenio co rexedor, Miguel Adolfo Domínguez, segundo o cal a Xunta aportará o 70% do custo estimado da obra -é dicir, 35.630,44 euros- e o 30% restante -15.270,19 euros- correrá a cargo do propio concello.

Para a execución do proxecto, prevese substituír o actual pavimento da rúa por outro feito a base de adoquín de pedra, así como a instalación dun paso elevado no punto de confluencia coa rúa Vilanova, ao seu paso polo centro da vila. O obxectivo común de ambas actuacións é mellorar e garantir a seguridade viaria desta zona, na que os veciños levan tempo reclamando unha intervención eficaz que contribúa a que os vehículos que acceden desde a rúa principal minoren a súa velocidade ao entrar na do Regueiro, moito máis estreita, sen beirarrúas e con casas a ambos lados.

Neste sentido, a substitución nos primeiros 80 metros da rúa do pavimento asfáltico actual por outro de pedra, cunha cor e textura diferentes e que aumenta o ruído que perciben os condutores ao pasar sobre el, persegue reducir a velocidade dos vehículos no momento en que accedan a esta zona, ao tempo que cumprirá tamén unha función estética ao harmonizar e integrar mellor este tramo co resto do centro da vila, onde xa existen varias zonas pavimentadas co mesmo estilo de empedrado.

En canto ao paso elevado para peóns, que tamén se fará en adoquín de pedra e cores contrastados, incidirá igualmente sobre a seguridade do tráfico na zona, reducindo o risco de posibles atropelos nun tramo que concentra, precisamente, o maior número de vivendas e é tamén o máis transitado da rúa do Regueiro, xa que entronca co acceso ao centro comercial e administrativo do concello.

Unha vez contratados os traballos, que terán un custo total estimado de 50.900,63 euros, o prazo de execución calcúlase nuns tres meses, polo que a previsión é que a actuación estea terminada e en servizo antes do verán.

Infraestruturas de calidade a través do Plan HurbeTras a sinatura do convenio, o rexedor trasladoulle á Ángeles Vázquez que se trata dun proxecto “de máxima prioridade” para o seu equipo xa que con el resolverase unha problemática cotiá e que incide no normal desenvolvemento da vida dos seus veciños, garantindo o acceso a infraestruturas e servizos de calidade que tamén contribúen a loitar contra o despoboamento e a fixar poboación en municipios rurais.

Esta actuación, precisamente, enmárcase dentro do chamado Plan Hurbe, un programa posto en marcha polo Goberno galego no ano 2010 para apoiar ás entidades locais á hora de levar a cabo actuacións coma a comprometida hoxe co alcalde da Cañiza, que contribúen a crear ou humanizar espazos de uso común e a garantir o acceso dos veciños a infraestruturas públicas e servizos básicos.

De feito, grazas a este programa son xa 200 as intervencións executadas nun total de 125 concellos, o que significa que no período 2010-2018 a Xunta actuou case no 40% dos municipios de Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre