Inicio Galicia Medio Ambiente investirá 41.000 euros na reforma da estación de captura de...

Medio Ambiente investirá 41.000 euros na reforma da estación de captura de peixes da Freixa, no concello de Ponteareas

0

A actuación, cofinanciada nun 75% con fondos europeos e cuxas obras acaban de comezar, permitirá acometer unha serie de melloras e corrixir o deterioro derivado da propia natureza dos traballos que se realizan nestas instalacións desde 1996

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda investirá 41.467,38 euros na execución da reforma da Estación de Captura de Peixes da Freixa, en Ponteareas (Pontevedra). A actuación, adxudicada o mes pasado e actualmente xa en execución, permitirá acometer unha serie de traballos de mellora nas instalacións para poder continuar co seu labor de seguimento e estudo da evolución das peixes migradores que transitan cada ano por ese punto do río Tea.

Cómpre lembrar que o Tea é o afluente máis importante da marxe española do Tramo Internacional do Río Miño e o único, xunto ao río Mouro en Portugal, que alberga poboacións de salmón. Por esta razón, as instalacións localizadas na Freixa conta con diversos dispositivos que permiten a captura de peixes de subida -cunha trampa na escala de remonte- e de baixada -cunha trampa na canle-.

Esta estación empezou a operar no ano 1996 e desde entón, recolle información dos peixes que transitan por este punto, levando a cabo un seguimento das poboacións de distintas especies migradoras (salmóns, reos, lampreas, anguías, etc) e estudando as repoboacións realizadas neste río.

O labor de control das poboacións de peixes migradores que se ven levando a cabo na Freixa é de gran importancia, debido a que se trata da única instalación da bacía do río Miño que permite estudar e analizar a evolución de diversas especies tales como o salmón atlántico, o reo ou a troita de mar, a saboga, a lamprea mariña e a anguía europea, algunha delas incluídas nos Anexos II e V da Directiva 92/43/CEE de conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.

A natureza dos traballos desenvolvidos e o entorno onde se fan produciron un inevitable deterioro na instalación, que a Xunta pretende emendar a través das actuacións actualmente en marcha, cofinanciadas nun 75% pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), concretamente, do programa INTERREG V-A ESPAÑA-PORTUGAL 2014-2020.

Licitación especies ameazadas zonas húmidasPor outra banda, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a piques de rematar a licitación do servizo para a elaboración de documentos técnicos de base dos plans integrais de recuperación e conservación de especies acuáticas de flora vascular ameazadas en Galicia. Concretamente, o obxecto desta licitación refírese ás especies ameazadas da orde Poales presentes en zonas húmidas da comunidade.

Nestes momentos, acaba de facerse a proposta de adxudicación do servizo por un importe de 22.314,05 euros (sen IVE) e a previsión é que nas vindeiras semanas se asine o correspondente contrato coa empresa seleccionada co obxectivo de elaborar os documentos que servirán de punto de partida aos plans de recuperación destas especies acuáticas.

Para iso, tomarase coma referencia a información máis recente dispoñible sobre a súa abundancia e distribución na comunidade co fin de que resulte nunha proposta razoada de diferentes alternativas de zonificación e medidas de conservación que permitan preservar, manter e restablecer as poboacións naturais destas plantas. En definitiva, trátase de facelas viables a futuro, empregando como referencia o establecido no Decreto 88/2007 do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas.

Cun prazo de execución estimado en 13 meses, a actuación estará cofinanciada nun 75% pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rexional (FEADER), concretamente dentro do Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre