Inicio Galicia Medio Ambiente insta ás administracións afectadas a traballar unidas ante a modificación...

Medio Ambiente insta ás administracións afectadas a traballar unidas ante a modificación unilateral do regulamento de Costas

0

A secretaria xeral técnica da Consellería, Carmen Bouso, empraza ao Estado a definir un escenario xurídico claro e preciso que permita ás empresas e entidades que operan no dominio público seguir coa súa actividade con normalidade

A secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Carmen Bouso, emprazou esta mañá a todas as administracións afectadas pola modificación do regulamento da Lei de Costas a traballar unidas na defensa das empresas, industrias e equipamentos públicos que a día de hoxe operan ou están localizadas no dominio público marítimo terrestre. Así o expuxo Bouso Montero durante a súa intervención no Parlamento para responder a unha pregunta sobre a recente decisión do Goberno do Estado de modificar o regulamento de Costas.

Neste sentido, a secretaria xeral técnica de Medio Ambiente explicou que o procedemento iniciado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica contravén a Lei de Costas do ano 2013, actualmente en vigor, co fin de darlle cobertura xurídica e legal a decisións recentes como a de allanarse nos procedementos xudiciais abertos en relación á concesión da prórroga de Ence en Pontevedra.

A modificación do regulamento iniciada polo Goberno “de forma unilateral e sen contar coas comunidades autónomas”, segundo indicou Carmen Bouso, pretende regular que ningunha prórroga extraordinaria para concesións de ocupación no dominio público marítimo-terrestre poda ir máis alá de 75 anos, incluído o propio prazo de concesión, nin beneficiar a instalacións que poidan localizarse fóra deste espazo.

Esta pretensión, incidiu, prexudica e pon en perigo a moitas empresas e industrias que traballan en Galicia dentro do ámbito do dominio público, pero tamén xera “inseguridade xurídica” sobre o futuro daqueles equipamentos públicos situados nalgún dos 80 concellos polos que discorren os 2.500 quilómetros de costa que ten a comunidade.

Segundo os cálculos do Instituto de Estudos do Territorio, en Galicia existen arredor de 5.000 edificacións que están íntegra ou parcialmente en zona de dominio público marítimo terrestre, das cales máis dun cento pertencen ao sector mar-industria. Neste sentido, Carmen Bouso insistiu en que a modificación proposta suporá fortes implicacións e un gran impacto económico, laboral e social para a comunidade, polo que instou ao Goberno a definir un escenario xurídico claro e preciso que garanta a actividade para as empresas e entidades que hoxe en día operan cumprindo a lei no dominio público.

Así mesmo, tamén criticou a urxencia coa que o Goberno está a tramitar estes cambios, unha vía que, incidiu, non está xustificada neste caso xa que a modificación do regulamento baséase nunha interpretación xurídica que fai Avogacía do Estado do regulamento en virtude da cal podería haber certas incorreccións no documento susceptibles de ser corrixidas. Así, explicou que a Xunta e o resto de comunidades afectadas tan só dispuxeron de sete días para poder presentar as súas alegacións á reforma do regulamento de Costas e tamén censurou que o Estado fixara en 10 días o período de información pública cando a normativa aplicable prevé que sexa dun mes ou como mínimo de 15 días se se xustifica a urxencia.

Fronte a esta “tramitación exprés”, a secretaria xeral técnica lembrou os pasos dados pola Xunta ante a modificación regulamentaria proposta, como a presentación “nun tempo récord” das súas alegacións ao documento ou a rolda de contactos iniciada para informar aos posibles prexudicados, empezando pola Fegamp, das consecuencias que terán os cambios que quere levar a cabo o Goberno. Nesta liña, referiuse tamén á recente solicitude cursada ao secretario de estado de Medio Ambiente para que se reúna en Galicia con todos os afectados e lles explique “de primeira man” a información que ten sobre este asunto. “Pero non nos deteremos aquí e continuaremos defendendo os intereses de Galicia”, remarcou.

Acceso dos mozos á vivendaPola súa banda, o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, tamén compareceu esta mañá na mesma comisión parlamentaria para responder a unha pregunta sobre emancipación xuvenil e acceso á vivenda na comunidade.

Así, indicou que o esforzo dos mozos galegos para acceder a un piso é ata un 38% inferior á media española, de xeito que se un fogar galego integrado por mozos debe destinar o 30,5% dos seus ingresos a pagar unha vivenda en alugueiro, a media estatal sitúase no 49,3%, segundo o último informe do Observatorio da Emancipación elaborado polo Consejo de la Juventud de España. No caso da vivenda en propiedade entre a poboación máis nova a porcentaxe baixa ata o 27,3% en Galicia, fronte ao 33,9% no que está a media española.

O atraso na emancipación dos mozos galegos, segundo explicou García, non se debe tan só a cuestións laborais ou de vivenda, senón que segue pautas do modelo mediterráneo, no que se vincula coa consecución dunha estabilidade económica a fin de manter a capacidade adquisitiva da que dispoñía no fogar familiar. En todo caso, segundo o Observatorio da Emancipación, os galegos están nunha situación mellor que a media dos españois para acceder á vivenda e Galicia sitúase entre as comunidades que máis facilita aos mozos que forman unha familia o acceso a un inmoble, en réxime de alugueiro ou compra.

Así, Heriberto García indicou que todas as liñas de axudas en materia de vivenda do IGVS están abertas aos mozos galegos, un colectivo que, ademais, ten á súa disposición programas específicos para menores de 35 anos en materia de alugueiro, acceso a vivenda pública, adquisición e rehabilitación. Neste último caso, segundo explicou, os mozos dispoñen dun trato preferente nalgunhas liñas de rehabilitación, nas que o importe da axuda se incrementa nun 25% cando os promotores non teñen cumpridos os 35 anos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre