Inicio Galicia Medio Ambiente informa á patronal galega das axudas para reactivar o tecido...

Medio Ambiente informa á patronal galega das axudas para reactivar o tecido empresarial e fomentar novas implantacións

0

A conselleira Ángeles Vázquez mantivo esta mañá unha videoconferencia cos máximos responsables da Confederación de Empresarios de Galicia e das confederacións provinciais

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo esta mañá unha videoconferencia con representantes da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e das distintas delegacións provinciais desta entidade co fin de intercambiar opinións sobre o impacto que está a ter a crise do coronavirus sobre o tecido empresarial galego e analizar as últimas medidas de impulso e estímulo económico promovidas desde este departamento.

No marco do seu plan de revitalización da actividade económica e empresarial, Ángeles Vázquez referiuse ás condicións vantaxosas que ofrece nestes momentos a Consellería ás empresas asentadas en Galicia para axudalas a sobrelevar economicamente a actual situación, así como aos incentivos anunciados esta mesma semana para fomentar novas implantacións empresariais en polígonos industriais con parcelas dispoñibles.

En concreto, lembrou que desde o pasado mes de abril, tanto o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) como Xestur veñen aprazando o cobro das cotas das parcelas adxudicadas en dereito de superficie ou alugueiro co obxectivo de aliviar economicamente ás adxudicatarias mentres dure o estado de alarma.

Co mesmo fin, Vázquez Mejuto comunicoulles aos representantes da patronal que o Centro de Coordinación Operativa constituído pola Xunta para facer fronte ao COVID-19 vén de aprobar importantes medidas adicionais de flexibilizacion de pagos para minorar o impacto da situación sobre o sector industrial. Así, IGVS e Xestur poderán concederlles ás empresas con parcelas adxudicadas en dereito de superficie un período de carencia adicional dun ano sempre que o titular o solicite durante os tres meses seguintes á finalización do estado de alarma.

Así mesmo e co fin de seguir avanzando cara a unha progresiva reactivación económica e empresarial, a conselleira fixo especial fincapé no novo paquete de medidas aprobado pola Cecop para favorecer a implantación de novos proxectos e empresas en solo industrial galego.

En concreto, explicou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo e Xestur ofrecerán para as novas adxudicacións de parcelas en dereito de superficie ata tres anos de carencia para empezar a pagar o canon (dous máis que na actualidade) e que as empresas terán 12 anos, en lugar de 10, para manter as súas opcións de compra cun desconto do 40% das cantidades satisfeitas ata ese momento. Ademais, amplíase nestes casos dos 6 aos 8 primeiros anos a posibilidade de adquirir a parcela a prezo bonificado.

Nas operacións de compra de parcelas, do mesmo xeito, daráselle ás empresas un prazo de seis meses para pagar desde a notificación da adxudicación, cando nestes momento dispoñen só dun mes. E as 239 empresas que nestes momentos teñen proxectos en fase de desenvolvemento en Galicia, terán á súa disposición prórrogas e ampliación de prazos para poder completar a súa implantación.

No que respecta ao sector da construción, un dos dinamizadores da economía galega, a conselleira salientou a importancia da interpretación realizada pola Xunta o pasado 25 de abril co fin de permitir que se continúe coas obras de rehabilitación en edificios ocupados, sempre e cando se adopten as medidas de prevención e protección da saúde establecidas. O obxectivo desta medida, incidiu, é favorecer a recuperación económica dun sector clave e clarificar os termos dunha orde ministerial que afectaba a uns 20.000 autónomos en Galicia.

Por último, Vázquez Mejuto trasladoulle á patronal galega o impacto positivo que terá tamén para o tecido empresarial a reactivación progresiva de determinados procedementos administrativos que se viron afectados pola entrada en vigor do Real decreto do estado de alarma.

A este respecto, referiuse particularmente aos case 300 expedientes en materia de urbanismo e ordenación do territorio que foron declarados esenciais polo Consello da Xunta para poder retomar a súa tramitación, aos que cómpre sumar os 975 procedementos ambientais que esta mesma semana volveron reactivarse en consideración ao seu interese público e previsible repercusión económica.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre