Inicio Galicia Medio Ambiente incorpora ao Catálogo Galego de Árbores Senlleiras unha nova formación...

Medio Ambiente incorpora ao Catálogo Galego de Árbores Senlleiras unha nova formación de buxos en Ribadumia

0

A decisión fundaméntase no bo estado de conservación desta carreira de buxos e tamén en motivos estéticos, xa que ocupa unha superficie lineal de 35 metros


O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pola que se inclúe no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras unha carreira de buxos localizada no Pazo de Quinteiro da Cruz, no concello pontevedrés de Ribadumia. Con esta decisión, o catálogo pasa a contar cun total de 190 integrantes, incluíndo 131 árbores e 39 formacións.

A última incorporación ao rexistro de senlleiras é un conxunto de buxos (Buxus sempervirens L) que destaca especialmente polo seu bo estado de conservación, xa que é das poucas buxedas que resisten á bolboreta do buxo (Cydalima perspectalis), principal causa da morte destas árbores en Galicia desde hai algúns anos, sobre todo na provincia de Pontevedra.

A súa inclusión no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras fundaméntase tamén en motivos estéticos, ao tratarse dunha carreira de buxos de 35 metros de lonxitude lineal moi ben conservados. Ademais, o Pazo de Quinteiro da Cruz, onde se localiza a nova formación, ten o seu propio interese xa que está incluído dentro da Ruta da Camelia.

Existen xa outras cinco formacións de buxos no Catálogo: o buxal da Casa da Botana (en Arzúa, A Coruña); o buxal do Pazo de Santa Cruz (Vedra, A Coruña); o buxal do Pazo de Oca (A Estrada, Pontevedra); a carreira de buxos da illa de San Simón (Redondela, Pontevedra); e a buxeda do Pazo de San Lourenzo (Santiago de Compostela, A Coruña).

O Catálogo galego de árbores senlleirasO Catálogo galego de árbores senlleiras é un rexistro público de carácter administrativo dependente da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, no cal se inclúen todas aquelas árbores e formacións da comunidade que, atendendo ás súas características excepcionais, merecen recibir unha protección especial. Neste sentido, entre os elementos a valorar en cada solicitude cómpre subliñar aspectos tales como o porte, as dimensións, a idade, a rareza, a significación histórica ou cultural ou o interese científico-educativo do exemplar.

O obxectivo de promover a inclusión dunha árbore ou formación dentro deste catálogo é sempre o de garantir a súa protección e conservación, ao entender que pola súa propia singularidade ou características, merecen ser preservados e inventariados.

Trátase dunha ferramenta aberta e en constante actualización, de tal xeito que se pode propoñer a inclusión de elementos novos tanto a iniciativa dos seus propietarios, de administracións públicas, de centros de investigación ou asociacións (como ocorreu neste caso) e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza. De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, este catálogo foi obxecto xa de diversas revisións.

Na actualidade, hai 190 elementos (151 exemplares e 39 formacións arbóreas) pertencentes a 80 especies diferentes coa seguinte distribución provincial:

 

Árbores

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre