Inicio Galicia Medio Ambiente financiará con máis de 80.000 euros a rehabilitación dun inmoble...

Medio Ambiente financiará con máis de 80.000 euros a rehabilitación dun inmoble para albergar un Centro de Día en Outerio de Rei

0

A conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde José Pardo Lombao asinaron un convenio polo que a Consellería compromete esta achega con cargo ao Fondo de Cooperación cos concellos do Instituto Galego da Vivenda e Solo


Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2019.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda achegará un total de 80.000 euros ao Concello de Outeiro de Rei para a adquisición de inmobles para a súa rehabilitación co fin de habilitar un edificio que albergue un centro de día no Concello de Outeiro de Rei.

Con este fin, a conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde José Pardo veñen de asinar un convenio de colaboración que lle dará acceso a este municipio lucense ao Fondo de Cooperación posto en marcha polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para apoiar a concellos de menos de 50.000 habitantes en actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído.

En concreto, a achega económica comprometida hoxe para rehabilitar un inmoble no que se localizará o centro de día permitiralle ao concello dispoñer de 80.000 euros, contía que poderá devolver de forma cómoda en oito anualidades.

Cómpre lembrar que este Fondo de Cooperación se puxo en marcha no ano 2017, cunha dotación inicial de 10 millóns de euros, co obxectivo de facilitarlle aos concellos o financiamento necesario para acometer proxectos de rehabilitación mediante a concesión de préstamos sen xuros. Desde entón, tal e como explicou a conselleira, xa se outorgaron, entre os convenios xa comprometidos e os que se asinarán este ano, 4,98 millóns de euros para garantir a execución de 18 actuacións de rehabilitación e conservación de inmobles nunha decena de municipios.

Neste sentido, a responsable galega de Medio Ambiente enmarcou os obxectivos deste fondo na “aposta decidida” da Xunta pola recuperación do patrimonio xa construído, unha finalidade que comparte tamén coa nova Lei de Rehabilitación, en vigor desde o pasado 22 de maio e a primeira deste tipo coa que conta Galicia, e cos propios orzamentos da Consellería de Medio Ambiente para o vindeiro ano.“Queremos fomentar a cultura da rehabilitación e loitar contra o abandono para que rehabilitar vivendas resulte cada vez máis atractivo para os cidadáns e tamén para os concellos”, declarou a conselleira. E para logralo, lembrou que nas contas do seu departamento para o próximo exercicio a rehabilitación recibirá un pulo especial, xa que reservan un total de 39 millóns de euros destinados a axudas, préstamos sen xuros e actuacións directas do IGVS en vivendas de promoción pública.

Neste sentido, explicou que, entre outras medidas, o Fondo de Cooperación cos concellos disporá o vindeiro ano de seis millóns de euros para garantir o financiamento necesario para que as entidades locais executen obras de rehabilitación, mellora e conservación patrimonial; que haberá unha partida de 8,5 millóns para axudar a particulares a acometer actuacións deste tipo; outros 6,5 millóns reservaranse para a orde de subvencións a repartir entre as Áreas de Rehabilitación Integral (ARIs) declaradas en Galicia; e 4,9 millóns máis investiranse en actuacións directas do IGVS sobre vivendas de promoción pública e axudas ás comunidades de propietarios deste tipo de inmobles de VPP.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre