Inicio Galicia Medio Ambiente financiará con 160.000 euros a redacción dos plans especiais de...

Medio Ambiente financiará con 160.000 euros a redacción dos plans especiais de protección do casco histórico de Tenencia e Fontán no concello de Sada

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o alcalde de Sada veñen de asinar o convenio en virtude do cal o departamento autonómico achegará esta contía con cargo ao Fondo de Cooperación dirixido a entidades locais de menos de 50.000 habitantes

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda achegará un total de 160.000 euros ao Concello de Sada, co fin de financiar a redacción dos Plans especiais de protección dos Casco Histórico de Tenencia e Fontán.

Esta colaboración será posible grazas ao acordo entre a Consellería de Medio Ambiente e o Concello de Sada, e despois de que a conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde Óscar Benito Portela González, asinaran telematicamente o convenio de colaboración que lle dará acceso a este municipio das Mariñas coruñesas ao Fondo de Cooperación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), un instrumento para apoiar aos concellos de menos de 50.000 habitantes no financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído.

En concreto, a achega económica comprometida pola Xunta permitiralle ao Concello de Sada dispoñer de 160.000 euros para financiar a redacción de ambos plans sectoriais, unha contía que poderá devolver ao IGVS nun máximo de oito anualidades, de forma cómoda e sen xuros.

Así, os obxectivos do plan especial son tomar conciencia e dar resposta á realidade urbana e a súa problemática específica, e acadar unha solución de ordenación que atope o equilibrio entre as necesidades de protección dos elementos valiosos do entramado urbano e a necesidade de dar solución ás actuacións recentes ao amparo do planeamento anterior.

No caso concreto do plan para o ámbito de Tenencia tamén busca coordinar os obxectivos e determinacións previstos no ámbito do PEID (Plan especial de infraestruturas e dotacións) Paseo Marítimo na procura dunha axeitada definición da fachada marítima de Sada; mentres que no caso de Fontán, intentarase obter un espazo público de calidade aproveitando o proceso de transformación ou renovación parcial da trama.

Cómpre lembrar que o Fondo de Cooperación do IGVS se puxo en marcha no ano 2017, cunha dotación inicial de 10 millóns de euros e co obxectivo de facilitarlle aos concellos o financiamento necesario para acometer proxectos de rehabilitación mediante a concesión de préstamos sen xuros. Grazas aos compromisos asumidos vía convenio durante o período 2017-2019, outorgáronse xa 4,98 millóns de euros para garantir a execución de 18 actuacións de rehabilitación e conservación de inmobles nunha decena de municipios. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre