Inicio Galicia Medio Ambiente estudará posibles vías para axudar ao Concello de Monterrei na...

Medio Ambiente estudará posibles vías para axudar ao Concello de Monterrei na urbanización da contorna da capela de San Miguel

0

A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse co alcalde José Luis Suárez, quen lle trasladou a importancia deste proxecto para poñer en valor o núcleo rural de Vilaza


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, estudará posibles vías de colaboración entre o seu departamento e o concello ourensán de Monterrei para levar a cabo un importante proxecto de humanización de rúas no núcleo rural de Vilaza. Durante unha reunión de traballo na que abordaron diversos asuntos de interese para o municipio, o rexedor explicoulle que o obxectivo das actuacións proxectadas é urbanizar o entorno da Capela de San Miguel.

Concretamente, a zona na que se quere intervir sitúase nas tres rúas colindantes coa pequena igrexa -Capela, Cova e Santa María- que presentan na actualidade un pavimento moi dispar e ten un impacto negativo na estética do núcleo. Para acabar con esta discontinuidade, o proxecto municipal pretende substituír o pavimento actual por 15 centímetros de formigón cepillado de cor ocre e adoquíns nos lindes coas vivendas da zona, co fin de poñer en valor a contorna da Capela de San Miguel.

Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente colabora desde hai anos a través de diversas liñas de axudas dirixidas aos concellos no desenvolvemento de intervencións urbanísticas de humanización orientadas a frear o despoboamento rural, potenciar as infraestruturas, os servizos e os equipamentos municipais e, en definitiva, mellorar o benestar e a calidade de vida nas vilas e cidades galegas.

De feito, a comezos deste ano o departamento autonómico convocou axudas para a creación ou mellora de infraestruturas urbanas en concellos de menos de 50.000 habitantes, unha orde na que, como indicou a conselleira, encaixaría o proxecto municipal para urbanizar os arredores da capela de San Miguel.

Danos causados polas riadas de xulloAsí mesmo, ambos mandatarios tamén aproveitaron a xuntanza para falar do impacto tiveron neste concello as intensas precipitacións e riadas rexistradas a comezos de xullo. Segundo explicou o alcalde de Monterrei, a chuvia acompañada de pedrazo arrastrou montaña abaixo pedras, terra e outros sedimentos que deixaron ao seu paso numerosos danos tanto en bens públicos como privados, afectando en particular a varias casas particulares.

Neste sentido, a conselleira Ángeles Vázquez comprometeuse a estudar co Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) se existe algunha liña de axudas dispoñible á que poidan acollerse e optar os titulares das vivendas de Monterrei afectadas polas riadas que asolaron este concello o mes pasado.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre