Inicio Galicia Medio Ambiente estudará colaborar co Concello de Cervo no acondicionamento dunha estrada...

Medio Ambiente estudará colaborar co Concello de Cervo no acondicionamento dunha estrada con paseo peonil en Sargadelos

0

A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse co alcalde Alfonso Villares, quen lle trasladou os detalles do proxecto municipal para reurbanizar e pór en valor a zona que conecta a nova fábrica de cerámica coas antigas instalacións de fundición


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estudará a posibilidade de colaborar co Concello de Cervo no financiamento dun proxecto para acondicionar a estrada que une a nova fábrica de cerámica de Sargadelos coas antigas fábricas de fundición e habilitar un paseo peonil. Este foi o compromiso que asumiu a conselleira Ángeles Vázquez no transcurso dunha xuntanza co alcalde Alfonso Villares, quen lle trasladou a importancia destes traballos para mellorar e poñer en valor unha zona que soporta a diario unha gran densidade de tráfico pesado.

Concretamente, a actuación centraríase no acondicionamento e reurbanización dun tramo da estrada LU-1505, que vai desde a nova fábrica de cerámica ata a ponte que cruza o rego de Sargadelos e o tramo final, onde están as antigas fábricas de fundición da compañía. O obxectivo dos traballos previstos pasa por habilitar un paseo peonil na marxe dereita da estrada, paralelo ao seu trazado, co fin de permitir un mellor tránsito de vehículos e persoas.

Neste sentido, o rexedor explicoulle a Ángeles Vázquez que nestes momentos o grao de urbanización da zona pode considerarse deficitario, con tramos da calzada reasfaltados debido á gran densidade de tráfico pesado que circula pola mesma. Así mesmo, tamén incidiu na escasa dimensión dos espazos peonís, insuficientes para poder asumir o fluxo de desprazamentos a pé actual. Ademais, o concello quere aproveitar a intervención para darlle unidade ao conxunto substituíndo todas as infraestruturas existentes, mediante o soterramento dos cables e dos postes para reducir o impacto visual.

Tras comprometerse a analizar a viabilidade de colaborar na execución deste proxecto, a conselleira lembroulle ao alcalde que a Xunta pon a disposición dos concellos varias liñas de axudas para o desenvolvemento de intervencións urbanísticas que, como esta, buscan potenciar as infraestruturas, os servizos e os equipamentos municipais e, en definitiva, mellorar o benestar e a calidade de vida nas vilas galegas.

Neste sentido, a conselleira animou ao alcalde a presentar o seu proxecto de acondicionamento para a contorna das instalacións de Sargadelos e comprometeuse a estudar posibles vías de cofinanciamento entre o departamento autonómico e o goberno municipal para levalo a cabo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre