Inicio Galicia Medio Ambiente elixe Porto do Son como concello litoral modelo para a...

Medio Ambiente elixe Porto do Son como concello litoral modelo para a integración da Guía de Estudos da Paisaxe Urbana no seu desenvolvemento

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda agradece a colaboración do Concello de Porto do Son por aplicar o contido desta ferramenta ás posibles e futuras iniciativas e accións que inflúan no territorio


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de apostar por Porto do Son como concello litoral modelo para a integración do contido da Guía de Estudos da Paisaxe Urbana no seus posibles e futuros desenvolvementos.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Porto do Son, José Luís Oujo, asinaron esta mañá un protocolo de colaboración para a posta en valor da Guía de estudos da Paisaxe Urbana, o sétimo traballo destas características que forma parte da Colección Paisaxe Galega. Ángeles Vázquez felicitou ao alcalde e ao equipo de Goberno por dar un paso adiante no compromiso de aplicar o contido desta ferramenta ás posibles iniciativas e futuros desenvolvementos que se leven a cabo no termo municipal e que teñen influencia no territorio.

Nese sentido, salientou que esta decisión é importante por varios motivos: por unha banda, polo firme compromiso de “protexer e conservar a identidade paisaxística de Porto do Son”; ao tempo que “serve de exemplo e precedente” para os 86 concellos que constitúen a paisaxe litoral e mariñeira de Galicia.

Afirmou que a paisaxe é unha entidade viva e dinámica, “un activo fundamental de Galicia”, a nivel ambiental e económico, xa que é un motor da actividade galega, pois representa un atractivo turístico innegable.

Grazas a esta guía, os equipos redactores e profesionais que interveñen na planificación do territorio, así como a sociedade en xeral, disporán dun documento que asesora e recomenda como levar a cabo desenvolvementos, protexendo o verde e azul que caracteriza á Comunidade galega.

A modo de exemplo, explicou que a guía propón que os futuros proxectos en espazos públicos e zonas verdes aposten por deseños máis ecolóxicos e máis naturais, con elementos que requiran un mantemento baixo en consumo de enerxía e auga. Outra directriz de protección da paisaxe que se recolle é favorecer a integración paisaxística dos paseos marítimos reducindo os tramos artificiais e favorecendo a súa naturalización.

Nunha vila mariñeira e costeira, como é Porto do Son, esta debe abrirse ao mar, polo que se destaca a importancia de crear espazos abertos cara ao mesmo e recuperar elementos que reforcen a identidade do lugar ou, por exemplo, favorecer a conexión entre a franxa costeira e portuaria co resto do conxunto urbano, promovendo a continuidade dos paseos e procurando que enlacen cos espazos comunitarios, como parques e prazas.

Destacou que o Goberno galego leva máis dunha década traballando na procura de ferramentas necesarias que garantan unha ordenación e desenvolvemento paisaxístico respectuoso e sostible, desde o Plan de Ordenación do Litoral, as Directrices de Ordenación do Territorio, a Lei do solo e o seu regulamento, a Estratexia da Paisaxe Galega… “documentos, plans e normativas que teñen por finalidade por en valor a identidade individual de cada recuncho de Galicia, ao tempo que protexe e conservar o verde e azul desta Comunidade”, concluíu.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre