Inicio Galicia Medio Ambiente e Medio Rural reforzan a súa colaboración para previr incendios...

Medio Ambiente e Medio Rural reforzan a súa colaboración para previr incendios forestais potenciando o uso compartido da información xeográfica dispoñible

0
image_gallery.jpg

Os titulares en funcións de ambos departamentos asinaron hoxe un convenio para facilitar a realización das tarefas de xestión de biomasa nas proximidades dos núcleos de poboación


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, e o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para aproveitar e unir sinerxías e definir estratexias preventivas e de planificación, para anticiparse aos lumes forestais, xa que os montes galegos “son unha reserva indiscutible de carbono necesaria para mitigar os efectos do cambio climático”, precisou Ángeles Vázquez.

O convenio asinado entre a Consellería do Medio Rural e o Instituto de Estudo do Territorio, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, porá a disposición deste obxectivo común o Sistema de información Xeográfica, o que permite almacenar, analizar e modelizar grandes cantidades de datos e poder delimitar as distintas redes de faixas de xestión da biomasa. Trátase dunha colaboración que se manterá os vindeiros catro anos, polo que o Goberno galego destinará máis de 140.000 euros para o desenvolvemento das actuacións previstas.

Pola súa parte, José González destacou que este labor conxunto do Instituto de Estudos do Territorio e da Consellería do Medio Rural vai reforzar a defensa dos núcleos de poboación fronte o lume, na medida en que permitirá analizar a información urbanística dos concellos, as construcións e o resto de datos necesarios para a xeración das faixas secundarias, é dicir, as franxas de terreo máis próximas ás vivendas.

Ademais, o conselleiro salientou que esta cooperación facilitará tamén unha mellor xestión das referencias catastrais afectadas, así como dos datos básicos de superficies, para poder xerar os mapas dos municipios coas súas faixas secundarias. E engadiu que todo isto poderá incorporarse logo aos plans municipais de prevención e defensa contra incendios que, por lei, cada concello ten que aprobar. En relación con isto último, González lembrou que por parte de Medio Rural xa se entregaron ata o de agora un total de 186 plans a outros tantos concellos e que están en elaboración arredor doutros 40 documentos.

O conselleiro amosou, por último, a súa satisfacción por este acordo e reiterou o seu agradecemento á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, pola súa “sensibilidade neste asunto, unha cuestión que podemos considerar ‘de país’ xa que, en definitiva, falamos de protexer ás persoas e aos bens diante do lume”, remarcou.

Ambos conselleiros puxeron tamén en valor o visor do que xa dispoñen os 186 concellos que teñen o seu plan antiincendios aprobado e que lles permite valorar e delimitar as contornas de protección de bens materiais e persoais, dun xeito sinxelo. Trátase dunha ferramenta pioneira e de gran utilidade para os municipios, xa que con ela poden ver as parcelas que están nas franxas dos 50 metros máis próximos ás vivendas coa súa referencia catastral.

Por último, a conselleira salientou o esforzo que fai a Consellería do Medio Rural por protexer os recursos naturais e evitar os incendios forestais; sobre todo dos montes galegos, que son un factor clave na loita contra o cambio climático, pois teñen a capacidade de fixar ao redor de 100 toneladas de carbono na nosa Comunidade ao ano; é dicir, de reducir as emisións de carbono á atmosfera e actuar como sumidoiro.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre