Inicio Galicia Medio Ambiente e Concello de Melide completan a remodelación do Cantón de...

Medio Ambiente e Concello de Melide completan a remodelación do Cantón de San Roque coa posta en servizo do novo parque infantil

0

A conselleira Ángeles Vázquez visitou esta mañá a zona para coñecer o resultado dos traballos executados nos últimos meses co fin de construír unha moderna área de recreo con xogos adaptados e capacidade para albergar a uns 80 nenos


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Melide acaban de completar as obras de mellora do Cantón de San Roque, en pleno núcleo urbano do municipio e que nos dous últimos anos sufriu unha completa transformación urbanística grazas á colaboración entre ambas administracións. Así o subliñou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, no transcurso dunha visita á zona con motivo da finalización da construción dun moderno e completo parque infantil.

Tras lembrar que os veciños do Cantón demandaban desde hai tempo un espazo de ocio amplo e dedicado integramente ao desfrute de nenos e familias, Vázquez Mejuto amosouse satisfeita co resultado dos traballos acometidos, xa que contribuíron a “modernizar” unha das zonas máis dinámicas do Concello e estratexicamente situada.

A nova área de recreo, pensada para unha franxa de idade que abrangue dos 4 aos 14 anos, conta con tres bloques de xogos infantís con capacidade para albergar a uns 80 rapaces. Concretamente, instalouse un carrusel xiratorio inclusivo, xa que está adaptado para o seu uso por nenos con mobilidade reducida; dúas torres modulares con tobogán, rede, rocódromo, barras de escalada e de bombeiros; e un gran xogo central composto por unha rede bidimensional con estrutura metálica e tobogán.

Ademais, tamén se renovou a pavimentación, coa colocación de caucho na área do parque infantil para amortecer as posibles caídas dos cativos, e se melloraron as zonas lindeiras con céspede artificial e pavimento con pintura antideslizante.

O novo parque infantil do Cantón de San Roque, no que Xunta e Concello comprometeron un investimento total de 113.000 euros, súmase ás obras de reforma e posta en valor que xa se acometeran o ano pasado nesta zona e na Avenida de Lugo. Así, Vázquez Mejuto lembrou que en abril de 2019 se completou a remodelación integral de ambos espazos (cun investimento de case 353.000 euros, financiados integramente pola Xunta) co fin de suprimir barreiras arquitectónicas, mellorar a accesibilidade para os peóns e humanizar unha das áreas máis céntricas do Concello de Melide.“Estou segura de que esta mellora do Cantón non só servirá para que os veciños teñan unha renovada e completa zona de esparexemento, senón que tamén redundará en beneficio do comercio local”, incidiu a conselleira, quen lembrou que, nos últimos anos, mobilizáronse un total de 466.000 euros co fin de acometer unha mellora urbanística integral desta zona, moi importante para a vida do concello pola súa privilexiada localización e como lugar de paso para “milleiros de peregrinos” no seu percorrido cara a Santiago.

Actuacións do Plan Hurbe 2010-2019As dúas obras executadas no Cantón de Melide enmárcanse dentro do chamado Plan Hurbe, un programa posto en marcha no ano 2010 pola Consellería de Medio Ambiente para apoiar ás entidades locais na execución de todo tipo de proxectos e actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público.

Grazas a este programa, no período 2010-2018 executáronse 200 actuacións cun investimento de 133 millóns de euros en 125 concellos, é dicir, actuouse en case o 40% dos municipios da comunidade. De feito, esta non é a primeira obra que se leva a cabo ao abeiro do Plan Hurbe no Concello de Melide, onde xa se acometera no ano 2015 unha completa reforma e posta en valor da rúa San Antón, cun investimento de máis de 126.000 euros.

Así mesmo, durante 2019 a Consellería de Medio Ambiente asumiu preto de 90 novos compromisos que mobilizarán un total de 12,9 millóns de euros para a execución de diversos proxectos urbanísticos nos concellos galegos. Este esforzo continuará no presente exercicio xa que cómpre lembrar que nos orzamentos da Xunta para 2020 tamén hai reservados 6,5 millóns de euros para realizar actuacións urbanísticas a nivel municipal, como poden ser a mellora de contornas urbanas ou dos equipamentos municipais.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre