Inicio Galicia Medio Ambiente e Concello de Cartelle avanzan que a obra do novo...

Medio Ambiente e Concello de Cartelle avanzan que a obra do novo parque infantil de Outomuro comezará nos próximos días

0

A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse co alcalde Jaime Sousa, quen lle trasladou tamén o seu interese en levar a cabo un proxecto de humanización, acondicionamento e mellora de accesos na praza da Pedreira, no lugar de A Seara


. As obras para a construción dun novo parque infantil na parroquia de Outomuro, no concello ourensán de Cartelle, comezarán nos próximos días. Así o avanzaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Cartelle, Jaime Sousa, no transcurso dunha reunión de traballo durante a cal abordaron diversos asuntos de interese municipal en materia urbanística.

Cómpre lembrar que a Consellería asinou este ano un convenio de colaboración co Concello de Cartelle para dotar dunha nova instalación de ocio infantil á zona de Outomuro, que concentra os principais servizos do núcleo de poboación como son a Casa do Concello, o centro de saúde, o pavillón e a piscina municipal. A obra, que foi adxudicada por 50.435,23 euros dos que o departamento autonómico aporta o 70%, ten un prazo de execución de dous meses polo que, tal e como comentaron o rexedor e a conselleira durante a xuntanza, a previsión é que o parque poida estar rematado este mesmo ano.

Por outra banda, o rexedor de Cartelle, Jaime Sousa, tamén lle trasladou á conselleira o seu interese en levar a cabo un importante proxecto de humanización no núcleo rural de A Seara. O obxectivo das actuacións previstas, segundo dixo, pasa por acondicionar e mellorar a seguridade viaria nos accesos á praza da Pedreira, dotando de pavimento de beirarrúa aos dous tramos principais que serven para acceder á mesma. O orzamento estimado deste proxecto ascende a uns 110.000 euros.

Tal e como lle recordou Ángeles Vázquez ao rexedor, a Consellería de Medio Ambiente colabora desde hai anos cos concellos a través de varias liñas de axudas para o desenvolvemento de intervencións urbanísticas orientadas a frear o despoboamento rural, potenciar as infraestruturas, os servizos e os equipamentos municipais e, en definitiva, mellorar o benestar e a calidade de vida nas vilas e cidades galegas.

Neste sentido, avanzoulle que o próximo ano o seu departamento volverá a apostar por esta liña de cooperación coas entidades locais polo que o animou a presentar o seu proxecto de humanización para A Seara e comprometeuse a estudar posibles vías de colaboración económica entre o seu departamento e o goberno municipal para levalo a cabo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre