Inicio Galicia Medio Ambiente e Cemma renovan o convenio para recuperar e asistir a...

Medio Ambiente e Cemma renovan o convenio para recuperar e asistir a tartarugas e mamíferos mariños varados no litoral galego

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o presidente de Cemma asinaron a renovación desta colaboración para o desenvolvemento de accións conxuntas que garantan o coidado e conservación destes animais incluídos, moitos deles, no listado de especies en réxime especial protección


A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, renova o compromiso acadado coa Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (Cemma) para a asistencia e recuperación deste grupo de animais que con frecuencia varan no litoral de Galicia. Deste xeito, a Consellería do Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destinará, en 2020, 40.000 euros para manter as accións que, de forma conxunta, se veñen desenvolvendo para garantir o coidado e conservación dos réptiles e mamíferos mariños.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vazquez, e o presidente da Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (Cemma), Jose Antonio Martínez Cedeira, veñen de renovar o convenio de colaboración que, en liñas xerais, propón actuacións centradas na comunicación e detección de episodios de varamentos de tartarugas e mamíferos mariños na costa galega, a prestación de coidados e primeiros auxilios aos exemplares vivos, así como o seu tratamento veterinario, hospitalización e alimentación; e a identificación das causas da morte nos casos que proceda. Cómpre salientar que moitos destes animais están incluídos no listado de especies en réxime de protección especial recollido no Catálogo de especies ameazadas.

A sinatura deste convenio, que se vén renovando ano a ano, responde a un obxectivo común de defensa e promoción da conservación dos hábitats e especies en Galicia, así como o estudo sobre o seu comportamento, as causas da perda de exemplares e medidas que revertan esta situación.

A Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños, Cemma, é unha organización sen ánimo de lucro que vén colaborando activamente na asistencia e recuperación dos animais varados na costa galega dende o ano 1999. Esta asociación, que dispón dun centro de tratamento veterinario en Nigrán e dúas unidades móbiles, foi creada co fin de fomentar accións que contribúan á conservación das tartarugas e mamíferos mariños.

Galicia alberga unha parte moi importante de litoral, onde destacan especialmente dúas especies de cetáceos: a toniña (Phocoena phocoena) e o arroaz (Tursiops truncatus); así como a tartaruga mariña común (Caretta caretta), dado o seu status de protección como “vulnerables” no Catálogo galego de especies ameazadas.

Anualmente varan nas costas de Galicia unha media de 280 exemplares de especies de réptiles e mamíferos mariños, estando moitas deles incluídas no listado de especies en réxime de protección especial e no Catálogo español de especies ameazadas.

Un 10 % dos animais varados son recollidos con vida, o que fai necesario a súa asistencia e rehabilitación inmediata como medida imprescindible para contribuír á súa conservación. Asemade, o estudo dos cadáveres do resto de exemplares reporta información imprescindible para a adopción das medidas axeitadas para poder actuar sobre as causas directas e indirectas de ameaza sobre estas especies.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre