Inicio Galicia Medio Ambiente e a Sociedade de Pescadores Río Mandeo colaborarán para promover...

Medio Ambiente e a Sociedade de Pescadores Río Mandeo colaborarán para promover a formación sobre pesca continental

0

A conselleira Ángeles Vázquez mantivo unha reunión con representantes desta entidade para analizar o contido da nova Lei de Pesca, actualmente en trámite parlamentario e que aposta como novidade pola promoción das Escolas de Río


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Sociedade de Pescadores Río Mandeo, que aglutina aos coutos de Aranga e Betanzos, colaborarán co fin de promover e fomentar a formación e a educación relacionada coa práctica desta actividade entre persoas noveis que se inicien ou se interesen pola pesca continental. Así o acordaron ambas entidades no transcurso dunha xuntanza celebrada onte á tarde no concello coruñés de Coirós entre a conselleira Ángeles Vázquez e varios representantes desta sociedade.

O obxecto deste encontro, no que tamén participou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, era falar sobre o contido da nova Lei de Pesca Continental, que vén de iniciar o seu trámite parlamentario logo de que o Consello da Xunta lle dera o visto bo a finais do ano pasado.

Neste sentido, a responsable galega de Medio Ambiente indicou que o novo texto normativo ten un artigo dedicado expresamente á formación en materia de pesca continental, incorporando como novidade o concepto das Escolas de Río co fin de fomentar a formación e a educación relacionada con esta actividade, especialmente entre as persoas noveis que se inician na súa práctica.

Tal e como explicou Vázquez Mejuto, estas Escolas de Río, que deberán desenvolver regulamentariamente o seu réxime de funcionamento e os seus correspondentes programas formativos, poderán dispoñer de tramos de auga para o seu uso exclusivo nos que, ademais, a práctica da pesca non requirirá da preceptiva licencia.

Unha entidade moi comprometidaCómpre lembrar que a Sociedade de Pescadores Río Mandeo, que ten preto de 300 socios e comprende dous coutos nos que se practica a pesca con extracción ou aproveitamento) está moi comprometida co obxectivo de potenciar e difundir a protección da fauna ictícola e do medio natural, coa pesca sen morte e co pulo do emprego de técnicas e artes menos lesivas, dirixindo particularmente o seu foco de actuación no público máis novo.

De feito, tal e como explicaron na xuntanza os responsables da entidade, nestes momentos están traballando xa coa previsión de organizar unha actividade de Aulas Abertas no río Mandeo en colaboración con centros educativos da zona, un tipo de evento que encaixaría perfectamente coa filosofía das Escolas de Río previstas no texto da nova lei.

Por outra banda e tendo en conta que no couto de Betanzos tamén se pesca salmón e reo, Ángeles Vázquez lembrou que no proxecto lexislativo establécese o sistema de autoguiado (é dicir, de identificación) para os exemplares de reo, de tal modo que será o pescador o que comunique á Administración os datos das capturas realizadas.

Este é un dos aspectos novidosos que incorpora a lei, seguindo un modelo que, segundo explicou Ángeles Vázquez, xa existe noutros países da Unión Europea e que supón un exemplo de corresponsabilidade na xestión por parte dos pescadores.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre