Inicio Galicia Medio Ambiente destinará máis de 50.000 euros á humanización e mellora de...

Medio Ambiente destinará máis de 50.000 euros á humanización e mellora de espazos públicos urbanos no concello de Quiroga

0

A conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde Julio Álvarez asinaron un acordo de cooperación no que a Xunta compromete unha achega do 70% e o concello o 30%


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará co concello lucense de Quiroga co fin de acometer unha serie de obras de mellora e humanización en varias prazas e espazos públicos deste municipio. Así o acordaron a conselleira Ángeles Vázquez e mais o alcalde Julio Álvarez coa sinatura dun acordo de cooperación en virtude do cal a Xunta se compromete a asumir o 70% do custo das actuacións e o concello achegará o 30% restante. Concretamente, a Consellería aportará 53.170,97 euros na anualidade de 2020 e o municipio outros 22.787,56 euros.

A Xunta de Galicia é consciente da importancia que ten para os concellos a materialización de determinados proxectos urbanísticos, coma este de Quiroga, para mellorar a calidade de vida e dinamizar determinadas zonas. Neste sentido, os equipamentos urbanos desempeñan un papel fundamental como elemento dinamizador para o desenvolvemento social e cultural da sociedade e son, ademais, elementos estruturais da contorna urbana.

No caso de Quiroga as obras previstas –cun custo estimado de case 76.000 euros- inclúen varias intervencións en prazas e zonas verdes do municipio. Concretamente, acometerase a humanización das prazas de San Martiño e na da rúa Lago co fin de crear cadanseu espazo público; no parque da Igrexa melloraranse as condicións de seguridade e salubridade da zona de xogo infantil; na área verde localizada entre os edificios municipais da Casa da Cultura e do Centro Social, mellorarase o vello estanque, actualmente sen uso e non apto para a súa utilización, co fin de reconvertelo nun espazo verde de lecer de uso público, e na praza de España actuarase sobre o equipamento e o revestimento.

Con este tipo de intervencións, como lle trasladou a conselleira ao rexedor, dáse cumprimento ao reto do Goberno galego de acadar un urbanismo responsable e apostar pola recuperación das vilas e cidades galegas, como parte da identidade de Galicia.

Nesta liña, subliñou que a Xunta é consciente da importancia de establecer lazos de colaboración cos municipios en proxectos que, coma este, buscan mellorar e potenciar espazos públicos xa existentes para facilitar a accesibilidade aos mesmos e poñer en valor certas zonas.

Ademais, lembrou que este tipo de colaboracións para poder intervir sobre equipamentos urbanos tamén son un instrumento eficaz para axudar a frear o despoboamento do rural, xa que potencian as infraestruturas, os servizos e os equipamentos municipais e, en definitiva, melloran o benestar e a calidade de vida da poboación das vilas e cidades galegas.

Actuacións do Plan Hurbe 2010-2019A obra comprometida no Concello de Quiroga enmárcanse dentro do chamado Plan Hurbe, un programa posto en marcha no ano 2010 pola Consellería de Medio Ambiente para apoiar ás entidades locais na execución de proxectos e actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público.

Grazas a este programa, no período 2010-2018 executáronse 200 actuacións en 125 concellos, o que significa que se actuou case no 40% dos municipios da comunidade. E neste ano 2019 xa asumimos preto de 90 novos compromisos que mobilizarán un total de 12,9 millóns de euros para a execución de proxectos urbanísticos nos concellos galegos.

Neste sentido, cómpre lembrar que nos orzamentos da Xunta do ano 2020 tamén hai reservados 6,5 millóns de euros para realizar actuacións urbanísticas a nivel municipal, como poden ser a mellora de contornos urbanos ou dos equipamentos municipais.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre